César Mosquera: "Modificar o Peprica sería retroceder trinta anos no centro histórico"

A moción presentada polo PP para modificar o Peprica e o interese amosado polo PSOE acendeu as alarmas no Goberno local, pero tamén entre a veciñanza e os comerciantes do centro histórico. Mosquera agarda "que impere o sentido común" para protexer a convivencia na zona.
César Mosquera. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera César Mosquera. jAVIER CERVERA-MERCADILLO

Por que está a xerar polémica a proposta de modificación do Peprica do PP?
A nós o que nos preocupa é que en vez de dar pasos para mellorar vaiamos para atrás. Executar o que propón o PP, abrir a man á hostalería sen control, algo que tamén preguntou o PSOE suporía retroceder trinta anos no centro histórico. Francamente iso é moi preocupante.

Como naceu o Peprica?
As persoas que teñen máis de 30 ou 35 anos agora viviron aquilo. Lembran que a década dos noventa foi a década negra do centro histórico; chea de drogadictos, con problemas de seguridade, con invasión descontrolada da hostalería nocturna... O centro histórico resultaba moi atractivo para o ocio nocturno, porque nun edificio fóra desta zona onde viven 30 ou 40 familias a presión que fan para non ter molestias é superior ao centro histórico, que igual non vive ninguén nesa casa ou vive unha soa persoa. Entre os 90 e os 2000 foi unha época de descontrol, podes preguntarlle a calquera que daquela tiña 10 ou 15 anos, evitábase pasar por alí. Daquela, adoptáronse unha serie de medidas.

Unha delas foi precisamente o Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística.
O Peprica empezouse a xestionar no 91 e aprobouse no 2003. Cando nós chegamos ao Goberno peatonalizamos, xestionamos o Plan Urban e fixemos unha serie de obras, cambiamos toda a iluminación e a ordenanza de protección acústica. Todo un paquete de medidas para cambiar a situación. A ninguén que coñeceu o centro histórico hai trinta anos e o coñece hoxe se lle escapa que o cambio foi espectacular para mellor. Eses dous elementos, os problemas menores que estamos detectando agora e o marco é o que crea esta polémica. Por un lado, empeza a haber queixas entre os veciños de que a convivencia que existiu todo este tempo se está deteriorando un pouquiño e, por outro lado, a hostalería nocturna quere expandir o seu radio de acción máis alá das normas lóxicas de convivencia e das normas legais.

César Mosquera. jAVIER CERVERA-MERCADILLO
César Mosquera. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A hostalería quéixase de que se lles pechan os locais.
A ver... Houbo unha serie de actuacións en locais, algunhas directamente temerarias, como eliminar os extintores, quitar os percorridos de evacuación en caso de incendio, aumentar aforos, etc. Sabemos que ás veces non son os propietarios actuais os que fixeron esas actuacións, senón que colleron os locais así. Que sucede? Pois que se producen denuncias, teñen un expediente de infracción, entón eses hostaleiros que se meteron no negocio móvense. Foron a falar co PSOE e o PP, que chegou a propoñer unha moción que é disparatada.

Que cambios propoñen?
Non din cales, pero o que se busca é unha solución para os locais que teñen problemas de normativa. Iso non é viable. Aquí teriamos que ir á orixe. Hai que lembrar que no Peprica tivemos un acordo todos os grupos políticos, todos, a asociación de veciños e a asociación de comerciantes Zona Monumental, de que e hostalería nocturna que había naquel momento era máis que suficiente, polo tanto, limitouse a posibilidade de abrir novos locais de hostalería nocturna. Iso é o único no que o Peprica ten incidencia. As modificacións que se propoñen van pola idea de «arregle vostede o problema». Como? Abrindo a man e que se abra toda a hostalería nocturna que queiran? Converter ao centro histórico nun parque temático da hostalería nocturna como foi nos anos noventa? Non parece razonable.

Hostalería ► "Os que cumpren tamén están preocupados porque vén que outros comprometen o sector"

Fala dos comerciantes e da veciñanza. E o sector da hostalería que lles traslada?
Parte da hostalería nocturna tamén está preocupada. Está cumprindo exquisitamente coas normas e máis co comportamento que favorece a convivencia cos residentes e ve como ao lado outros están comprometendo a convivencia ou creando problemas coa hostalería nocturna e alborotando ou creando dificultades. Entón que pasa? Eles din: Nós cumprimos exquisitamente, non superamos aforo, pechamos á hora que temos que pechar e outros fan o que lles dá a gana e aínda por riba nos crean unha imaxe terrible a todos. O asunto está perfectamente circunscrito: Vostede cumpre as normas? Siga. O que non pode haber é hostalería nocturna descontrolada. O que non pode ser é que un cambie o local, cree un problemón, estea incumprindo as normas e molestando aos veciños e agora diga: "Arrégleme el problema".

Veciñanza ► "Hai veciños que xa din que se o problema crece marchan de aí"

Esta semana mantiveron unha reunión coa veciñanza e comerciantes do centro histórico. Que lles trasladaron?
A reunión era da asociación de veciños e comerciantes aos que algún día haberá que facerlles o recoñecemento que merecen polo traballo que fixeron para dignificar e mellorar o centro histórico. Son exemplares. Nós estamos en permanente contacto con eles. Coñecemos os detalles de cada local, os que teñen problemas e os que non. E empeza a haber xente que nos transmite a súa preocupación. Cóntanche que gastaron un pastón en rehabilitar as súas casas e agora empezan a pensar en marchar de aí se os problemas de convivencia coa hostalería medran. Iso é preocupante. Polo de agora é minoritario, pero é que a moción que anuncia o PP vai precisamente no sentido contrario ao que debe ir. Piden que se estropee o centro histórico outra vez.

Que motivos esgrime a oposición?
A exposición de motivos do PP para presentar a moción está clarísima. A primeira parte da moción fala de "solidarizarse co ocio nocturno" que está incumprindo as normas no centro histórico. Queren que lle arreglemos o problema a quen non cumpre e que se modifique pola vía da urxencia!

Pero non é a primeira vez que se fai algunha modificación sobre a norma.
Non. Xa van unhas cantas feitas. E se hai que cambiar por eficiencia enerxética dos edificios, por exemplo, farase. Sempre se pode mellorar e no centro histórico quedan cousas por facer, máis rehabilitación, etc., pero non podemos ir cara atrás. Logo, se hai un problema de accesibilidade, o Peprica aí non intervén porque a norma que impera é superior. Se é de protección dos edificios e que obras se poden facer ou non é Patrimonio quen rexe. Se é un problema da nova normativa de incendios ou do Código Técnico de Edificación, que esixe unha serie de características de insonorización, tamén está por riba do Peprica. O único que é específico do Peprica é declarar a zona saturada de locais de hostalería nocturna e polo tanto non se dan novas licencias. Modificalo para evitar que pechen algúns locais porque non cumpren a normativa vixente é o único que se está discutindo e por aí nós non imos pasar.

Comentarios