César Mosquera: "Algúns tiñan a esperanza de que isto ía ser unha grileira; trabucáronse"

César Mosquera, vicepresidente da Deputación e Concelleiro do Goberno Municipal de Pontevedra ► O día 17 cumpríronse tres anos desde a toma de posesión do Goberno provincial

César Mosquera. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera César Mosquera. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Actos vistosos e celebracións á parte, que valoración fai destes tres anos na Deputación?Demostráronse moitas cousas: que un Goberno de coalición pode ser moi eficiente, engraxado e unido, incluso bastante máis que certos gobernos monocolor; que as institucións teñen capacidade de cambiar e que esa idea de que a máquina administrativa e os funcionarios teñen unha maneira partidaria de traballar non é certa. Tamén que unha Administración como esta, concibida para un contexto que non é o actual, pode modernizarse e desviarse de ser un instrumento discrecional ou caciquil.

Segue considerando que as deputacións, mesmo co modelo que están desenvolvendo actualmente nela, son innecesarias?
Si. Estamos nun sistema no que todas as corporacións son elixidas directamente polos cidadáns e as deputacións non. Hai un nivel de chanzos da Administración excesivo e o que fan as deputacións podía facelo a Xunta ou organismos supramunicipais. As deputacións mantivéronse porque foi unha imposición do sector franquista na transición para manter a estrutura centralista do Estado.

Entrando en áreas de xestión, se por algo se lle vai lembrar neste mandato é sobre todo polo Plan Revitaliza de compostaxe e polos de mobilidade. Está conforme?
Con respecto ás actuacións si, pero en clave democrática é igual ou máis importante ter logrado a ecuanimidade, a transparencia e ter eliminado a libre disposición. A orixe é que, por primeira vez na Deputación, fixemos un programa detallado de Goberno. Dúas das súas liñas son a compostaxe e a mobilidade e tamén a mellora dos montes, aínda que nesta a colaboración dos concellos foi menor e non tivo tanto empuxe, pero si avances significativos. Hai que ter as orellas abertas, ver que retos se lle poden poñer á sociedade e que obrigas vai haber. Xa se sabía desde hai dez anos por onde ía ir o dos residuos e que é insostible manter o sistema como está. Era cuestión de encaixar as solucións. Por moito que o PP intentou crear disfuncións e presentar a compostaxe como algo malo, a sociedade non respondeu por aí. As administracións non poden frear o avance social nin perpetuar certos defectos nas infraestruturas e nos servizos, senón todo o contrario. Puxemos en marcha eses dous programas novidosos e potentes e xa son unha referencia, non só aquí, senón tamén fóra.

Se se dese o caso repetiría o pacto de Goberno, funcionou francamente ben e non tería sentido non facelo

Cre que a provincia vai cumprir os obxectivos que marca Europa en canto a reciclaxe de biorresiduos nos prazos establecidos?
Na provincia non o sei, porque os que teñen que cumprilos son os concellos. A Deputación está redobrando os esforzos para que poidan facelo e eu agardo que boa parte deles o consiga. A cuestión é que se puxeron os obxectivos na Directiva 2008 sen os instrumentos para cumprilos e todas as administracións que tiñan competencias miraron cara a outro lado e deixaron pasar unha década, así que agora facer en tres ou catro anos o que había que facer en doce non vai ser fácil. Pola contra, se hai agunha provincia que está en condicións de cumprir con certa coherencia é a de Pontevedra.

A relación coa Xunta era mala porque o PP quixo reproducir o que fixera co bipartito en 2005; fracasou e agora hai un armisticio

Un obxectivo que non van cumprir é a transferencia á Xunta de servizos actualmente provinciais. A sintonía entre este Goberno e o galego non é precisamente boa…
Nestes momentos non é boa nin mala. É de coexistencia. Foi moi mala os primeiros 18 meses, nos que o PP quixo reproducir o que fixera co bipartito da Xunta no 2005, con gresca continua e movendo aquí dentro a algún colectivo que tiña algún privilexio inxustificado. A partir das autonómicas de 2016 a tensión baixou moitísimo e actualmente hai certa normalidade. Nunca foi intención deste Goberno entrar en guerra con ninguén, pois ese é un erro grave, pero o PP , tanto dentro da Deputación como fóra dela, tentou estrangularnos. Fracasou estrepitosamente e agora estamos nun armisticio.

Por moito que intentaron presentar a compostaxe como algo malo, a sociedade non lles respondeu por aí

Pero non como para lograr a transferencia de servizos.
Non sei se agora haberá alguna posibilidade de falalo, pero obviamente xa non tiñamos grandes esperanzas por un motivo obvio: se cando o PP gobernaba aquí a Xunta non aceptou botar man dos servizos da Deputación que son competencia directa súa, agora non lle ía facilitar nin permitir a un Goberno doutro signo político conseguir ese obxectivo. Ogallá, pero o optimismo con respecto a esa transferencia é pouco.

Un Goberno ten que chegar aprendido e o meu coñecemento desta casa axudou moito; dáme pánico enredar cos cartos públicos

No acto dos tres anos de Goberno a presidenta adicoulle un agradecemento moi especial pola boa colaboración entre os dous grupos. É todo tan bonito como parece ou son desas parellas, neste caso políticas, que fóra se piropean e berran dentro da casa?
Eu entendo esas palabras de Carmela Silva nunha clave diferente. Saber como funcionan as cousas, ter experiencia, saber onde poden estar os problemas e evitalos antesde meterse neles é un gran valor. Unha vez feitas as cousas parecen moi fáciles, pero para iso un Goberno ten que chegar aprendido, saber o que quere facer e como facelo, por exemplo marcando un programa claro ao principio, xa na negociación do pacto. Algún presidente anterior tentou eliminar a libre disposición e non foi capaz, porque algo así hai que establecelo ben desde o comezo e aplicalo. Nese tipo de cuestións, a experiencia e o coñecemento que tiña eu desta institución axudaron moito e penso que iso é ao que se referiu ela e creo que é bo. A min méteme pánico andar enredando cos cartos públicos. Eticamente a corrupción é máis grave, pero malgástanse moitísimos máis fondos por non xestionalos ben que os que se van en cuestión de corrupción.

A min non me escoitará ninguén dicir que imos seguir no próximo mandato, máxime cando os cidadáns non votan para a Deputación

En todo caso, tres anos despois segue habendo a mesma sintonía?
Si, polo traballo que hai detrás. Cando negociamos o pacto reunímonos horas e horas e asentamos os esteos. Iso deulle unha solidez ao Goberno que nos permitiu adicarnos ao que debemos en lugar de a discutir. Supoño que hai sectores do PP que tiñan esperanza de que isto ía ser unha grileira, pero trabucáronse.

Teme que a proximidade das eleccións municipais faga variar esa dinámica e se empecen a marcar máis as diferencias dentro do bipartito?
A Deputación traballa sempre cun ano de antelación. O de 2019 xa está en marcha. Eu non son adiviño, pero o que queda debería ser a parte máis fácil.
 

Non lle preocupa entón que o rédito electoral poida acabar indo para o grupo maioritario deste Goberno, para o PSOE?
Nós non nos presentamos ás eleccións. Na Deputación non hai.

Pero o que faga este Goberno dálle aos cidadáns unha visión que despois pode influír no seu voto nos concellos a favor dun partido ou outro.
É que nas municipais presentaranse os candidatos de cada concello que, en xeral, non son deputados. As deputacións son algo extraño. Pode darse unha cuestión de imaxe da forza política, pero a incidencia directa desta institución nas eleccións… Eu só vin en Ourense que nas candidaturas para algúns concellos aparecía a foto do PP e ao lado a do presidente da Deputación. Só alí. E non creo que Carmela Silva se vaia presentar a cabeza de lista en ningún sitio e moito menos eu. Outra cousa é que, se algún partido ten estrutura provincial e hai coincidencia entre a súa Secretaría provincial e a Deputación, iso se use como instrumento para facer listas, para promocionar candidaturas, etcétera. Iso sucedeu. Pero electoralmente… As municipais dependen moito de que proxecto teña cada quen en cada sitio e que candidaturas presente. Dicían no PP que en Ribadumia non había nin un bache e perderon a Alcaldía. A Deputación para iso ten o alcance que ten.

Que papel está desempeñando a oposición nesta institución?
Podería dicir que temos unha enorme ventaxe e que se escollesemos nós a oposición do Partido Popular non a escolleriamos mellor, pero iso é de miras moi curtas. A realidade é que non colaborou nada e nin tan sequera coñece a dinámica desta casa. Dos deputados que a coñecían, Crespo marchou, a Figueroa téñeno totalmente apartado… É sorprendente que, nun partido que gobernou a institución tantos anos, os que levan agora a voz cantante teñan un descoñecemento tan severo. E iso non é bo. A crítica centrada axuda a que a cousa funcione mellor, pero non disparar por disparar, como pedir que se anule o Plan Revitaliza cando hai once ou doce concellos do PP adheridos a el ou usar politicamente o Parque de Maquinaria dunha maneira descarada, porque cando pasaron as eleccións autonómicas deixou de haber lea. É unha decepción continua. Eu deles faríamo mirar.

Carmela Silva dixo hai uns días que estaba moi segura de que ían volver gobernar no próximo mandato. Vostede tamén o está?
Nunca me escoitará ninguén dicir algo dese tipo. Non teño quinielas para as eleccións. E se queres a miña opinión, eu non o diría; máxime, cando os cidadáns non votan para a Deputación. Podes gobernar magnificamente aquí, que se despois nas muncicipais presentan candidaturas outras forzas que aquí fixeron un desastre pero nos concellos o fan ben, resulta que gañan e, en consecuencia, aquí tamén gañarían esas forzas.

E se o BNG volvese estar no Goberno provincial, gustaríalle continuar á fronte ou daría o relevo? Outra pregunta de ‘pasapalabra’. Mira, eu fun na lista das municipais de Pontevedra porque Miguel se empeñou en que fora e a miña condición era que o deixaba en 1995, pero chegou ese ano e el dixo que, se eu o deixaba, el tamén. No 2007 tamen ía deixalo, pero aquí estou. A vida vai dando voltas e non o sei.
Entón xa non sei se preguntarlle se reeditaría o pacto de Goberno provincial co PSOE.
Pois si o repetiría. É bo que haxa un Goberno estable, cun programa ben definido. Sempre hai cousas que mellorar, pero é unha experiencia satisfactoria, funcionou francamente ben e non tería sentido non reeditalo.

Se o que vimos ata agora de Rafael Domínguez vai ser a tónica, o PP local sairá perdendo

Ademais de vicepresidente da Deputación Provincial é vostede concelleiro en Pontevedra. Cre que a chegada de novos candidatos, por exemplo Rafael Domínguez ao Partido Popular, vai supoñer unha diferenza para o Goberno municipal de Lores?
Se o que vimos ata agora vai ser a tónica, o PP vai saír perdendo. Non sei que novos horizontes ten, pero por agora do señor Domínguez só sabemos dúas cousas: que vai dar un paseo polas parroquias para coñecelas (aínda que eu penso que tería sido mellor que as coñecese xa antes de ser candidato) e que, á parte duns poucos adornos, a única obsesión que ten é Elnosa e Celulosa, disfrazado co rollo de que se as empreas isto ou o outro. Para iso, creo que o PP tiña xente con bastante máis background. Seguramente, o feito de que sexa un candidato de descarte o leva a necesitar un tempo. Xa veremos como evoluciona.

Cre que os concellos de Pontevedra e Vigo están máis preto desde que goberna esta coalición na Deputación Provincial?
Si, con dinámicas moi diferentes, pero si. Eu distingo estar preto na sociedade e no traballo conxunto de estalo nas declaracións que se fan, ás veces demasiadas. No Concello de Pontevedra sempre nos preocupamos por ter unha boa relación con todas as administracións sexan do signo que sexan, porque é fundamental para sacar as cousas adiante. O resto non é positivo e a xente xa está un pouquiño farta diso.

Comentaba antes que a Deputación traballa cun ano de antelación, pero neste tempo que resta de mandato hai algún proxecto pendente?
As cousas que fai directamente a Deputación están practicamente en marcha ou asignadas. A última é a da estrada de Campelo en Poio, un proxecto que levou moito tempo programar. As obras do acceso a Príncipe Felipe e Montecelo empezarán en breve, estamos traballando no acceso a Monte Porreiro, na rotonda de Príncipe Felipe e no propio centro… Non obstante, a maioría das cousas fanse a través dos concellos, e para iso hai que traballar con moita antelación porque o proceso administrativo require tempo.

Comentarios