César Portela, primeiro arquitecto da Real Academia Galega de Ciencias

O pontevedrés Premio Nacional de Arquitectura ingresa este mércores como académico na RAGC nun acto no que lerá el discurso A boa arquitectura cabalga ao unísono entre a arte a e ciencia
César Portela. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera César Portela.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) contará desde este cun arquitecto entre a súa nómina de académicos. E é que César Portela (Pontevedra, 1937) acudirá esta tarde ó Pazo de San Roque de Santiago de Compostela onde terá lugar o seu acto solemne de ingreso na RAGC.

La cita celebrarase ás 19 horas e nela, o catedrático de Proxectos Arquitectónicos da Escola Técnica Superior e Arquitectura da Universidade da Coruña (UDC) pronunciará o discurso A boa arquitectura cabalga ao unísono entre a arte e a ciencia, que posteriormente será contestado desde a Academia de Ciencia polo membro numerario Pedro Merino, catedrático emérito de Ciencias dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da Universidade de Vigo.

Portela recibiu o Premio Nacional de Arquitectura en 1999 polo seu proxecto do edificio da estación de autobuses de Córdoba

O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, será o encargado de inaugurar un acto que contará coa presenza doutros representantes da institución, e ó que asistirá ademais a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o reitor da Universidade da Coruña, Julio E. Abalde Alonso; así como o delegado institucional do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia, Antonio De Ron; entre outras autoridades culturais, políticas e sociais.

PREMIO NACIONAL. Arquitecto con recoñecemento internacional, César Portela recibiu o Premio Nacional de Arquitectura de España no ano 1999 polo seu recoñecido proxecto do edificio da estación de autobuses de Córdoba. Ademais, tamén recibiu o Premio Europeo Philippe Rothier en 2002, polo cemiterio de Fisterra.

Profesor convidado en numerosas universidades e institucións de todo o mundo, entre as que as que caben destacar a Escuela Superior de Arquitectura de Pamplona, Nancy, Caracas, Lisboa e Weimar, colaborou igualmente na organización e deseño de diversos seminarios e obradoiros de arquitectura, algúns tan relevantes como o dirixido en colaboración con Aldo Rossi en Santiago. Entre as súas obras atópanse a Facultade de Belas Artes, o Mercado de Abastos e o edificio de Afundación en Pontevedra; así como o Museo do Mar de Galicia e máis a ampliación do aeroporto de Vigo, entre ducias de traballos repartidos por distintas cidades do mundo.

Home de pensamiento crítico, Portela asegurou nalgunha ocasión nunha entrevista para Diario de Pontevedra que lle gustaría que a súa obra se identifique cunha arquitectura de vangarda que bebe da tradición. No ano 2019 recibiu o Premio Pontevedrés de Honra, que promove Diario de Pontevedra e que recoñece a persoeiros da Boa Vila pola súa traxectoria e vínculo coa cidade.

Comentarios