Cesáreo Mosquera: "Resistimos un intento de converter estas eleccións nun plebiscito sobre Ence"

"Nós queremos sacar matrícula. Por iso imos revisar practicamente todo o funcionamento", di Mosquera sobre o sexto mandato que iniciará Lores o día 15. "Veñen cambios", engade o concelleiro en funcións e vicepresidente da Deputación

Cesáreo Mosquera. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Cesáreo Mosquera. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Será unha figura nas negociacións que o seu partido, o BNG, abordará co PSOE para a conformación dos gobernos provincial e municipal. Cesáreo Mosquera (Valga, 1953), actual vicepresidente da Deputación e concelleiro en funcións de Ordenación do Territorio no Concello de Pontevedra, recoñece que a lei electoral non beneficiou ós nacionalistas na Corporación provincial, na que pasará de catro a tres deputados. "Subimos en votos e perdemos un deputado. Non hai moita máis lectura", asegura. 

Na cidade houbo unha victoria aparentemente amarga do BNG [que logrou once dos 25 concelleiros en xogo]. Está de acordo? 
O BNG, que estaba moi forte despois de 20 anos de goberno, gañou as eleccións. O que ocorre é que se crearon unhas expectativas superiores. Resistimos, e gañamos, un intento de converter estas eleccións nun plebiscito sobre Ence. Só hai que ler as declaracións de Feijóo e De Colmenares na campaña. Activaron todos eses millóns que tiñan repartidos en subvencións entre colectivos sociais. Fixeron unha campaña moi agresiva. Evidentemente nunca imos saber que pasaría se non houbera esa campaña. O que si sabemos é que ese intento de plebiscito saíulles fanado. Se non o houbera, é posible que, tanto o PSOE coma nós, sacáramos algo máis. 

Ence asegura que non participou na campaña electoral... 
Tamén di que non contamina nada. Ence ten dito que lle resulta moito máis barato intentar cambiar a opinión pública que cambiar a planta de sitio. E a iso se está adicando. Que non participou? Todo o que sucedeu na campaña, por arriba e por abaixo, que foi? Deberon ser uns extraterrestres. 

Cre que o PP foi o vencedor moral das eleccións municipais en Pontevedra [ó pasar de sete a nove concelleiros]? 
Non. Outra cousa é que o reparto lle beneficiara. Pasa ás veces. A xente máis sensata do Partido Popular sabe que poden facer un balance medianamente satisfactorio porque non se levaron o sopapo que se prevía. Se con toda esa axuda e con todo o que moveu Ence non lograron poñer en risco a Alcaldía, nin achegarse a porcentaxes de voto que llo permitiran... eu, deles, faríamo mirar. 

Lores está a piques de iniciar o seu sexto mandato consecutivo na Alcaldía de Pontevedra. El dixo que sería o último. Será así? 
Eu creo que non o dixo. 

Díxoo dous anos antes da campaña. [En 2017 asegurou nunha entrevista á Cadena Ser que sería o seu "derradeiro" mandato]. 
Lores dixo que se ía ir en varias ocasións. Eu, francamente, non o creo. Nestas cousas é sempre mellor ir partido a partido. Tal e como se está a ver na política mundial, xa non só na local, parece que a xente de máis de 70 anos está de moda. Falo de Ernest Maragall, Ángela Merkel ou desta personaxe rara que é presidente de Estados Unidos. A el [a Lores, que este venres cumpre 65] aínda lle falta bastante para chegar aí. Aínda así, estas cousas, o da renovación, son chascarrillos. 

Lores dixo que se ía ir en varias ocasións. Eu, francamente, non o creo. Véxoo mellor que nunca

E que hai de vostede? Seguirá no Concello os vindeiros catro anos? 
Fun na lista e saín electo. 

Pregúntollo porque vostede se prexubilou no último mandato. Ten ganas de seguir en política? 
Levo nisto, dunha maneira ou doutra, dende os 17 ou 18 anos. É algo que non se perde nunca. Dun xeito ou doutro, non creo que vaia deixar nunca a política. Aquí estamos con ganas de dar guerra... 

Estaría disposto a repetir na Deputación? 
Iso está por falar. Irá en función dos efectivos e da situación que haxa no momento. Eu estou a disposición. Sempre intentei facelo o mellor posible na Deputación. Tiven os meus erros, obviamente. 

Cara a onde mira vostede: ó Concello ou á Deputación? Compañeiros seus botárono moito de menos no mandato que está a piques de rematar na cidade... 
Agradezo que teñan esa valoración, pero haberá que miralo. Saberase pronto. 

Dos tres deputados que o BNG terá na vindeira Corporación provincial haberá algún concelleiro de Pontevedra? 
Podo confirmarlle que probablemente si, por unha cuestión simbólica e de imaxe pública. Estando a Deputación en Pontevedra, é un elemento a favor que haxa alguén de aquí. 

Eva Villaverde, por exemplo, deputada provincial en funcións e futura concelleira en Pontevedra? 
Nin sequera o empezamos a falar. 

Semella que o PSOE quere gobernar a Deputación en minoría. Cre que a negociación cos socialistas a nivel provincial determinará a política de pactos no eido municipal? 
A min non me consta ningunha declaración por parte do PSOE nun sentido ou noutro. Normalmente estes procesos dan moito que falar, pero a maioría do que se fala é oco. Son cousas que hai que madurar. 

Falou vostede con Carmela Silva?
Sobre isto? Non. 

E tralos resultados do 26M? 
Felicitámonos. Nada máis. É o que toca. O demais é botar a boca a pacer. 

Dun xeito ou doutro, non creo que vaia deixar nunca a política. Aquí estamos con ganas de dar guerra

Como valora estes últimos catro anos de Goberno coaligado da Deputación? 
Moi bos. Pasamos un traballo enorme e, ás veces, duro. Co anterior goberno estivemos horas e horas reunidos para chegar a un acordo. 

No caso de que non se reedite o bipartito provincial, que deberes lle poría ó futuro Goberno de Carmela Silva? 
En xeral, o cambio nestes catro anos foi espectacular. O único que non saíu adiante foi a transferencia de centros á Xunta, pero por vontade allea. 

Preguntáballo polo plan de compostaxe a as políticas de mobilidade a nivel provincial, que levan o selo do Bloque. 
Estou convencido de que, tanto unha coma outra, van seguir. É un camiño imparable. Farano con maior ou menor ritmo, pero van seguir. 

E a compostaxe en Pontevedra capital? 
Vai seguir. Aquí hai un horizonte moi claro, o 2021, no que hai que facer un novo contrato de residuos. Xa se prorrogou por tres anos. E agora xa temos contratado quen faga o prego. 

Será esa, a compostaxe, unha liña vermella nas negociacións a nivel local entre o BNG e o PSOE? 
Non creo que sexa ningunha liña vermella. É algo asumido. 

Estou convencido de que a compostaxe é imparable. Que pode haber algunha variación cosmética? Si

O PSOE teno asumido, pero no seu programa electoral introducía certas variacións... 
Estou convencido de que a compostaxe é imparable. Se nos queremos facer trampas ó solitario, como estivo facendo o Estado español e a Xunta durante anos, dicindo que se reciclaba o que non se reciclaba, falsifi cando datos... Iso non vai a ningures. Que pode haber algunha variación cosmética? Si. 

Goberna mellor o Bloque cando hai bipartito co PSOE, como din os socialistas?
[Risas]. A historia non di iso. Cando o facemos ben, facémolo ben; e cando non, non. Tanto o PSOE coma nós. 

O BNG aínda non dixo nin arre! nin xo! sobre un posible bipartito en Pontevedra. 
É que son decisións moi serias. Porque se van tomar moitas decisións que afectan á vida dos cidadáns. Hai que mirar, en conxunto, o que sexa mellor. Os gobernos de coalición hai que pensalos moi ben. Hai que enfriar a cabeza e pensar. Os gobernos que houbo en Pontevedra [dende 1999], con ou sen bipartito, funcionaron ben porque houbo unha base elaborada. E iso non se decide nunhas horas ou nuns días. 

Compénsalle ó BNG un goberno coaligado en Pontevedra nesta etapa, que parece de transición pola posible saída de Lores... 
E dálle... O problema é que se dan uns supostos que non están nin decididos nin verificados. Ó Bloque o que lle interesa é que o Goberno de Pontevedra funcione ben. Se hai posibilidade dun Goberno de coalición que vaia funcionar, será a mellor solución. Se se opta por outra vía e se logra que funcione ben, fantástico tamén. 

Anxos Riveiro non seguirá na nova Corporación. Como recibiu vostede ese resultado? 
Cando se toman decisións colectivas hai que asumir as consecuencias. A actividade pública consiste niso. O que non vale é tomar unha decisión, estar de acordo con ela, e despois lamentar as consecuencias. Nin a propia Anxos o toma así. Se renovamos, porque renovamos; se non o facemos, porque queda xente fóra. Todo non pode ser. 

Os gobernos de coalición hai que pensalos moito. E iso non se decide nunhas horas ou nuns días

Que autocrítica fai, se é que fai algunha, da campaña do Bloque nas municipais? 
Eu creo relativamente pouco nas campañas. Creo nas mensaxes claras que sintonicen coa xente. Esta foi unha campaña como as outras. O que si creo é que neste mandato se fixeron moitísimas cousas. Foi no que máis se fixo. As obras están aí. 

E cre que chegou á cidadanía todo o que se fixo? 
Hai cousas máis intanxibles que fan que a música que lle soa á cidadanía varíe. Había moi bo ambiente, pero somos conscientes de que houbo algunha disfunción. Sobre todo porque houbo un ‘hiperactivismo’ sen unha priorización clara. A este mandato lle daría un notable alto, rascándolle o sobresaliente baixo, pero nós non nos conformamos. Queremos sacar matrícula. Por iso imos revisar practicamente todo o funcionamento. E iso non significa poñer en cuestión o que se fai ou o que xa está feito, senón corrixir as pequenas disfuncións. 

En definitiva, veñen cambios... 
Si, si. Evidentemente. Veñen cambios. Díxoo o alcalde o outro día nunha entrevista: a experiencia e as rutinas son un elemento tremendamente positivo, pero se esa rutina non ven acompañada de actualizacións, pode converterse nun elemento negativo. 

Hai Lores por moitos anos? 
Eu entendo que si. Lores é transparente como a auga. Ás veces, en política, isto vese como unha característica negativa. Para min non o é, aínda que desespere un pouco [Risas]. Se está contento está contento; e se está triste está triste. É así. Eu [a Lores] véxoo mellor que nunca.

Comentarios