viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

Chabely Díaz: "Nacín policía local e morrerei policía local"

Chabely Díaz (Foz, 1982) na Xefatura de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Chabely Díaz (Foz, 1982) na Xefatura de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Vén de recibir un premio nacional polo seu traballo con animais. Foi a primeira monitora de tiro de Galicia. E puido ser Miss España

No corpo dende 2003, traballa en Pontevedra dende 2015.​ Como se fixo vostede policía?
Xa me gustaba cando era nena. Que queres ser de maior? Policía. E a miña irmá é tamén é policía local, aínda que penso que me chamou o tema antes a min que a ela.

E resultou ser o que imaxinaba?
Nalgunhas cousas si e noutras non. Pero o meu é vocación pura. Teño esa cousa de ir meterme ao medio dun problema; ese instinto de ver que che van a facer dano e poñerme diante. Non o dubido sequera. É o traballo que quero, o que me gusta. O que máis me desgusta é o pouco aprecio que a xente che ten. Repróchanche o que fas e o que non fas. Repróchanche as denuncias, por exemplo. Eu sempre digo que ogallá non houbese que denunciar a ninguén. Non coñezo a ningún compañeiro que goce facéndoo. Pero, se os 200 euros que hoxe tes que pagar, mañá fan que te lembres de min e impiden que te mates por non levar o cinto, é unha vida salvada. Tamén é duro intervir en conflitos ou pelexas, aguantando insultos, sobre todo de xente nova, cando ti te metes aí, case sempre sen saber moi ben o que hai, para evitar que alguén saia ferido. Por outro lado, agradécese moito cando a xente che recoñece o traballo. Con iso compensas o outro.

É difícil entender esa vocación de meterse onde hai un problema, cando o normal é escapar del. E non só nos metemos, senón que queremos chegar os primeiros. Nunca se arrepentiu de terse adicado a isto?
Nunca. Nacín policía local e morrerei policía local.

Foi vostede a primeira muller en Galicia que conseguiu o título de monitora de tiro?
Si, é certo. Iso débollo a un compañeiro, tamén policía local, moi bo tirador, que nun dos cursos da Academia Galega de Seguridade foi o meu instrutor. Foi o que me animou a probar IPSC, unha modalidade de tiro deportivo. Federeime e comecei a competir e a gañar. Cando foi o curso de instrutor de tiro presentouse moita xente. Fíxose unha selección, para que accederan os mellores tiradores. Eu entrei e conseguín o título.

O peor do traballo é o pouco aprecio da xente. Repróchanche o que fas e o que non fas. Pero o meu é vocación pura

Que é o máis importante para tirar ben: pulso, sangue frío...?
Todo. E adestrar. A verdade é que prácticas policiais se fan moi poucas. E iso que os policías locais case somos os que máis tiramos das Forzas e Corpos de Seguridade.

Ah, si? Sempre se pensa na Policía Local como un corpo máis tranquilo e na Policía Nacional e na Garda Civil como forzas máis relacionadas coa acción.
Iso é o que se cre, pero non é exactamente así. Ti pensa nunha ameaza terrorista. Onde se vai producir? Aglomeracións. Onde? Casco urbano sempre. É moito máis difícil disparar a un agresor nunha cidade, con xente correndo polo medio. Iso, por exemplo, de tirar cun ollo pechado non é real. Tes que ter unha visión completa, canto máis ampla mellor, para evitar que ninguén se che cruce. Na Policía Local adéstrase moito o tiro. E, despois, os que teñen o vicio, coma min, aínda imos gastar cartuchos por libre ao campo de tiro.

Participou na Gladiator Race?
Ah, si que participei. Temos un equipo aquí na Policía Local e formo parte del.

Gústalle o deporte ou gústalle a competición?
Non, non, gústame o deporte. Así como me gusta competir en temas de tiro, neste outro ámbito o que me gusta é gozar da carreira.

Cantos compañeiros seus saben que vostede competiu en Miss España 2007?
Ui, penso que todos. Estas cousas é imposible gardalas en segredo. Fun Miss Lugo en 2006 e ao seguinte tocoume ir a Miss España. É unha anécdota sen máis.

Non lle gustou a experiencia?
Si que teño un bo recordo e foi unha experiencia interesante. Paseino ben, vin como funcionaba ese mundo, coñecín un montón de xente... Pero enseguida tiven claro que aquel non era o meu mundo para nada. Todo o tempo me sentín fóra de lugar.

Acaba de recibir un galardón a nivel nacional polo seu traballo con animais. Que premio é?
Fíxome moitísima ilusión. É un premio que outorga a Rede Española de Protección Animal en colaboración con Unijepol, que é a Asociación Española de Jefes de Policías Locales, e algún outro colectivo. Recibín unha medalla individual ao meu traballo en relación coa protección animal. Entregárono o 19 de xaneiro en Madrid. A min sempre me gustou o tema de protección animal. Fun docente colaboradora neste ámbito na Academia Galega de Seguridade. E participei na elaboración dun protocolo sobre intervención animal, xunto a outros compañeiros, para a Xunta.

O seu traballo está relacionado con intervir en casos de abandono, de maltrato...?
Si. Aínda que as nosas competencias neste ámbito son limitadas. Hai que pensar que nós intervimos ante disposicións administrativas ou algún tipo de delicto. E a título persoal ás veces é que xa non das abasto. Fas o que podes baixo a túa responsabilidade.

Ten un compromiso total co seu traballo. Porque ademais preside unha asociación galega. Son a presidenta da Asociación Gallega de Policía Local.
Adícome a isto as 24 horas ao día. Vivo para a Policía Local. Non teño tempo para nada máis.

Nin para facer ‘fofuchas’?
Non! Nin para iso! E mira que me encantaba. Pero entre o traballo, a asociación, os cursos, o deporte e os meus dous cans, Paris e Argo, non dou máis.

Chabely Díaz: "Nacín policía local e morrerei policía local"
Comentarios