sábado. 15.08.2020 |
El tiempo
sábado. 15.08.2020
El tiempo

Charlas ao sol con María Mera

A entrevistadora Conchi Cochón e a actriz María Mera, na súa charla na praza da Peregrina. DAVID FREIRE
A entrevistadora Conchi Cochón e a actriz María Mera, na súa charla na praza da Peregrina. DAVID FREIRE
A protagonista da serie O sabor das margaridas falou venres na praza da Peregrina sobre a situación da lingua galega na inauguración do programa de conversas En3vistas

María Mera protagonizou na tarde de venres a primeira charla do programa de conversas En3vistas, tendo como tema central a normalización do uso do galego tanto no ámbito profesional como no privado. Fíxoo acompañada da improvisada entrevistadora Conchi Cochón, técnica de normalización lingüística do Concello de Pontevedra, encargada de cubrir a baixa de última hora da dramaturga Gena Baamonde. Unha soleada praza da Peregrina foi o escenario no que durante unha hora as dúas participantes, sempre nun ton desenfadado, intercambiaron preguntas e respostas.

A actriz protagonista de O sabor das margaridas confesou nos primeiros intres que, pese a que o seu bo galego fora un punto a favor nas producións natais, o acento xogáralle en contra en máis dunha ocasión ao encarar algún posible papel en Madrid: "Puxéronme pegas para certos personaxes polo acento, algo que non pasaba, por exemplo, co andaluz. É verdade que en moitos personaxes é obrigado ter que mudar o acento, pero hai outros tantos cos que non pasa nada por ter o acento galego. Por sorte, pouco a pouco, estamos empezando a romper con esta situación".

En referencia á lingua galega, María tamén falou da ilusión que lle facía que O sabor das margaridas estivese tendo un grande éxito tanto na TVG como en Netflix. A emisión na plataforma de TV por Internet deu lugar a varias anécdotas que a actriz relatou con ledicia: "Faláronme desde Nova Zelanda alguén que quería aprender galego".

O que importa é que os nenos estean orgullosos do galego

Por outra banda, si é certo que no tocante ao uso da lingua non todo é, nin moito menos, de cor de rosa. Son cada vez máis os nenos galegos que non saben falar a súa lingua, e que ata se sorprenden cando unha persoa nova o fai. Algo para o que María tamén tiña unha anécdota que resumía perfectamente a situación: "A min gústame moito a patinaxe. Un día substituín a unha profe que lles daba clase aos pequenos e cando cheguei e me puxen a falar, dúas rapazas duns seis ou sete anos dixéronme: 'Guau, habla gallego, como mi abuelo' ".

Unha mágoa, na opinión da actriz, quen catalogou a lingua galega como un regalo que non debe quedar esquecido: "O galego é un tesouro, un patrimonio. É importante que os nenos estean orgullosos do galego e que saiban falalo. Logo que escollan a lingua que queiran, pero que non se queden sen aprendelo".

Fora das problemáticas relacionadas coa lingua, María tamén tivo tempo para contar unha serie de sucesos que lle ocurriron debido a súa profesión: "Hai personaxes que se parecen moito a ti e outros que non se parecen en nada. Entón algunha xente tende a confundir, a pensar que eres realmente como o personaxe que interpretas. E cando te ven pola rúa trátante como ao personaxe. E eu, por algún papel, ás veces escoitei algún comentario e ata algunha proposta indecente", confesou a actriz entre risas, abogando por tomarse con filosofía este tipo de situacións.

María, noutra curiosa confidencia, tamén revelou nun ton divertido que non lle gustaba o xénero negro, pese a estar tan asentada nel. De feito, non sabe se vería O sabor das margaridas de non ser a súa protagonista.

Charlas ao sol con María Mera
Comentarios