'O Chedeiro' premia o talento artístico e literario dos rapaces cun concurso

No certame poderán participar todos os cativos vencellados a Cerponzóns
Una niña leyendo un libro. GUILLE LÓPEZ
photo_camera Una niña leyendo un libro. GUILLE LÓPEZ

O Milenio de Cerponzóns é o nome do primeiro Concurso de Debuxo e Redacción Escolar organizado polo colectivo veciñal O Chedeiro. O obxectivo é inspirar o talento plástico e literario dos rapaces en torno ao coñecemento da parroquia pontevedresa, nados ou non nela. A celebración do milenario de Cerponzóns coincide co certame, que tamén conta co apoio da Concellería de Educación, dirixida por Tino Fernández.

Os participantes que desexen probar sorte e demostrar as súas dotes como artistas teñen ata o 31 de agosto, inclusive, para presentar os seus traballos no Centro Social de Cerponzóns ou mediante correo ordinario á dirección da asociación de veciños. As datas e horas de presentación de cada traballo aínda están por concretar. Segundo as bases do concurso, os cativos só poderán entregar unha proposta por persoa e cada traballo debe estar asinado con nome, idade, curso, teléfono e dirección.

A selección dos gañadores de cada categoría será realizada por un xurado composto por dous membros da asociación O Chedeiro, que preside Juan José Esperón, e por un representante do Concello de Pontevedra, aínda por asignar.

A data de entrega dos traballos finaliza o 31 de agosto

Na categoría de Debuxo admitiranse propostas de estilo e técnica libres, así como calquera material que se considere conveniente. A orixinalidade, creatividade, interpretación e coñecemento da parroquia teranse en conta na valoración dos participantes. No caso da proba de Relato, a capacidade de razonamento, a orde ou a precisión sintáctica e ortográfica son as principais habilidades a premiar. A única regra para os pequenos é axustarse a unha extensión máxima de catro folios.

Como recompensa final, haberá un agasallo para todos os participantes. Ao remate do verán, Cerponzóns descubrirá se pode presumir de ter habitantes tan talentosos que escriben e pintan a súa historia.

Comentarios