Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Llega a la ciudad del Lérez la moda de las Paxaretas

Inma e Conchi, como dúas mariñeiras, cunha morea de Paxaretas
Inma e Conchi, como dúas mariñeiras, cunha morea de Paxaretas
As emprendedoras pontevedresas Inma González e Conchi García -e máis un nutrido equipo de colaboradores- crean unha colección de paxariñas de madeira reciclada

Nin tosca nin ruda. A xente do mar, ademais de ter sona de bruta, tamén ten moito estilo. A proba é a colección de paxariñas de madeira reciclada lanzada ao mercado da man de dúas emprendedoras de Pontevedra, Inma González e Conchi García, que se inspiraron no mar para crear este complemento bautizado como Paxaretas.

"Queriamos darlle valor ao mar e toda a xente vencellada con el, porque todos estamos moi ligados ao mar nesta zona", conta Conchi mentres desprega sobre unha mesa a colección de Paxaretas elaboradas para esta primeira edición limitada. O mar pode estar cheo de glamour. Para comprobalo só é preciso botarlle un ollo ás paxaretas creadas polas pontevedresas. Polbos gravados sobre a madeira, as escamas dunha maragota pintadas en vermello sobre a base, unha carta náutica das rías de Pontevedra e de Vigo impresa sobre o complemento que decora o pescozo, o faro da Illa de Ons, a imaxe dunha serea ou a rosa dos ventos impresa sobre a base de madeira. Estes son só algúns dos motivos da colección Xente de mar.

Inma González
"Hai moitas persoas implicadas, dende carpinteiros ata redeiras, ademais de deseñadores gráficos ou tatuadores"

As emprendedoras que levaron a cabo este proxecto sempre estiveron vencelladas ao mundo da moda e confección a nivel profesional. Pero, ademais, o seu é un talento que vén dende o berce. Estaban empeñadas en crear algo diferente e con estilo, por iso falaron con tanta xente e contaron coa axuda de tantos profesionais no proxecto. "Hai moitas persoas implicadas, dende carpinteiros ata redeiras, ademais de tatuadores, deseñadores gráficos, patronistas, modistas ou mariñeiros", explica Inma, que recorda que buscaban "un complemento con identidade e estilo" para combinar en calquera ocasión, dende unha voda a unha reunión informal.

Son complementos dirixidos incluso a quen non lle gustan as paxariñas tradicionais que queiran darlle un toque diferente ao seu outfit. As Paxaretas naceron no mes de xuño e, co primeiro boceto na man, os carpinteiros puxéronse a traballar. Logo foi a quenda dos tatuadores e dos deseñadores gráficos, ademais das redeiras e outras persoas que tamén colaboraron no proxecto. Todo baixo a supervisión de Inma e Conchi, as emprendedoras que pretenden levar o mar pontevedrés ben lonxe en forma de paxariñas de madeira.

A madeira coa que se fan as Paxaretas é reciclada de restos de embarcacións. Ademais, nun dos modelos emprégase rede de salabardo para a fabricación do complemento. Todas as Paxaretas son reversibles, de xeito que, ademais do deseño da cara principal, é posible darlle a volta para lucir simplemente a madeira lisa.

Conchi García 
"Queriamos darlle valor ao mar e á xente vencellada con el, porque todos estamos moi ligados ao mar nesta zona"

Feito con xeito. Trátase dun produto feito a man ou, como as propias creadoras o definen, ‘feito con xeito’. "O concepto artesanal emprégase moito e perdeu significado, a xente non lle dá o valor que merece", explica Inma mentres amosa algunhas das paxariñas.

E, aínda que o máis importante sexa o interior, o envoltorio tamén é relevante. Alomenos para Inma e Conchi, que pensaron moi ben no packaging do seu produto. "Queriamos algo vencellado ao mar e que o envoltorio fose atractivo", explican. Por iso deseñaron un peixe de tea que garda no seu interior as Paxaretas ben suxeitas por un anzol.

"Á xente sorpréndelle moito o deseño", explican as emprendedoras, "cando entran na tenda fíxanse moito nas paxariñas que hai expostas". As primeiras 200 Paxaretas da edición limitada inicial están á venda, subliñan as autoras. O obxectivo destas dúas mozas emprendedoras é fabricar moitas máis se a moda das Paxaretas se instala definitivamente en Pontevedra e entre a clientela masculina en xeral. Polo de agora, as Paxaretas foron postas á venda a semana pasada e xa tiveron o seu éxito: "xa vendemos unhas cantas, sobre todo para ocasións especiais, pero tanén se poden combinar cunha camisa e un pantalón vaqueiro", explican as emprendedoras.

Llega a la ciudad del Lérez la moda de las Paxaretas
Comentarios