Chega á Fiscalía unha denuncia contra a disolución da autonomía do Museo

Vázquez-Rey apela á moción fundacional do ano 1925 para que a entidade recupere a súa autonomía
Ernesto Vázquez-Rey. DP
photo_camera Ernesto Vázquez-Rey. DP

O procurador Ernesto Vázquez-Rey anunciou na xornada deste martes a presentación dunha denuncia contra a disolución do Organismo Autónomo do Museo de Pontevedra. Fíxoo ante a Fiscalía Provincial de Pontevedra e a Fiscalía Superior de Galicia sinalando a perda de autonomía da entidade tras a disolución do organismo autónomo en 2012, segundo explica na propia denuncia.

Deste xeito. Vázquez-Rey apela á moción fundacional do Museo de Pontevedra, do ano 1925, no que se lle outorga personalidade xurídica propia independente da institución política provincial. Neste sentido, diversos colectivos e profesionais do Museo teñen manifestado a súa oposición á perda de autonomía do ente museístico e nesa dirección camiña a denuncia presentada onte. De feito, Vázquez Rey apunta á propia elección do actual director do Museo, José Manuel Rey, "cuxo nomeamento de director será obxecto de xuízo nos Xulgados do Contencioso-Administrativo de Pontevedra" hoxe mesmo.

Segundo Vázquez-Rey, "o proceso de merma e eliminación da personalidade xurídica do Museo baseouse na falsa premisa de que a Deputación provincial é competente para ostentar a titularidade dun Museo, Arquivo e Biblioteca", de especial interese para Galicia, como é o Museo de Pontevedra. Así, indica que "esta premisa é claramente contraria ao disposto tanto na Constitución española de 1978 como no recollido polo Estatuto de Autonomía para Galicia de 1981, polo que resulta evidente a calificación de impropia da súa competencia".

No mesmo sentido, na denuncia sinálase a "incautación" dos bens do Museo que a Deputación realizou ao integrar os bens do Museo no Inventario xeral da Deputación en 2013, sen formar un inventario detallado que especificara a titularidade das pezas e coleccións que integran o Museo, tal e como recollían os Estatutos do OAL para o caso de disolución.

Vázquez-Rey sinala a "quen debía xestionar o patrimonio público" como responsables "desta gravísima situación".

Comentarios