jueves. 15.04.2021 |
El tiempo
jueves. 15.04.2021
El tiempo

A chegada dunha vaga de calor activa a alerta laranxa en Pontevedra

As altas temperaturas xa se deixaron sentir ao longo do venres, no que os termómetros alcanzaron os 37 graos 
PLAYAS POIO, SANXENXO
Praia de Sanxenxo na xornada de calor. BEATRIZ CÍSCAR

Na xeira de onte, os termómetros rexistraron as altas temperaturas que, coma un turista máis, chegaban ás vilas e cidades da provincia de Pontevedra en forma de vaga de calor. Malia que a priori ningún dos concellos pontevedreses se atopaba noutro nivel que non fose o normal, a primeira hora da mañá nas zonas das Rías Baixas e do Val Miñor xa existía un aviso meteorolóxico de nivel amarelo, que indica un fenómeno habitual pero potencialmente perigoso, se ben só para actividades concretas e non para a poboación en xeral. Con todo, a primeira hora da tarde a Xunta activou a alerta laranxa por altas temperaturas nestas dúas zonas, o que indica a existencia dun risco meteorolóxico importante debido a fenómenos non habituais, como é o caso desta vaga, con temperaturas de até 37 graos.

As terrazas da cidade ou as praias da contorna, os lugares que triunfaron entre os pontevedreses para combater a calor

Na capital, os ceos despexados e unha máxima que pasou dos 35 reducían en gran medida os plans de tarde dos pontevedreses a tres: día de terraza, día de praia ou día de terraza na praia. Os valentes que decidiron quedar na cidade aliviaban a calor das horas centrais do día mediante culleiradas nos xeados, que á sombra xerada por edificios ou árbores aínda sabían mellor. Máis cara ao solpor, o acubillo atopábase baixo os parasoles ou toldos pertencentes aos bares nos que moitos foron celebrar o comezo dunha nova finde de semana.

Parasoles tamén había nas praias máis próximas á Boa Vila, ás que moitos escaparon tentando fuxir da calor que asolaba a cidade. Así, os que cambiaron o asfalto pola area puideron pasar a tarde a remollo. De cansarse, sempre quedaba facer unha pequena viaxe ao chiringuito máis próximo, e seguir desfrutando desde alí do pequeno alivio que puido brindar a escasa brisa do mar.


A Curto Prazo  

A vaga de calor manterase ao longo da fin de semana, aínda que rexistrando un lixeiro descenso das mínimas e das máximas.

Ao longo desta fin de semana, segundo as previsións de MeteoGalicia, as altas temperaturas manteranse do mesmo xeito que a influencia anticiclónica, aínda que cun lixeiro descenso tanto nas mínimas como nas máximas. Así, para a xornada de hoxe espérase unha máxima de 34 graos ao longo da tarde, que se convertirá en 32 graos o domingo e 31 graos xa o luns. Será a partir do martes cando aumente a inestabilidade atmosférica, dando lugar a posíbeis treboadas no interior.


Consellos

PLAYAS POIO, SANXENXO
Xornada de calor en Sanxenxo. BEATRIZ CÍSCAR

Algo fundamental para tratar de paliar o impacto desta vaga de calor na saúde é manter uns niveis de hidratación correctos, bebendo de xeito reiterado ao longo da xornada, mesmo cando non se ten sede. E se ben as cañas computan como líquidos, igual ca todo alcohol, tamén deshidratan, así que mellor apostar por unha auga ben fresquiña. Amais, tampouco é aconsellábel pasarse cos pinchos, nin con ningunha comida, optando preferibelmente por alimentos lixeiros e que axuden a repor os sales minerais perdidos na suor. Os adictos ao exercicio tamén deberan moderar a súa actividade física, desbotando facela nas horas medias do día ou mesmo apostando por descansar desta durante uns días. E falando de descanso, todos estes consellos previos axudarán á hora de tentar conciliar o sono. Con todo, é recomendábel ventilar o cuarto xusto antes de ir durmir, após ter tido as persianas baixadas durante o día para evitar a luz directa do sol.

Ventilar os espazos, evitar os esforzos innecesarios, hidratarse e comer lixeiro, o imprescindibe para combater a vaga de calor.

Vulnerábeis

Durante as vagas de calor é necesario prestar unha atención especial ás crianzas de menos de cinco anos de vida, ás persoas de idades avanzadas e a aquelas que padezan algunha enfermidade crónica, diabete, hipertensión ou obesidade.

A chegada dunha vaga de calor activa a alerta laranxa en Pontevedra
Comentarios
ç