Chegan sete novas pediatras para reforzar os centros da área sanitaria de Pontevedra

Traballarán en Sanxenxo, A Lama, Cuntis, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Moraña, Vilagarcía, A Illa, Ribadumia e O Grove

Imaxe das novas pediatras que prestarán os seus servizos no área sanitaria, xunto cos seus responsables. DP
photo_camera Imaxe das novas pediatras que prestarán os seus servizos no área sanitaria, xunto cos seus responsables. DP

O Hospital Provincial de Pontevedra acolleu esta mañá o acto de benvida das novas pediatras que tomaron posesión das súas prazas con destino en centros de Atención Primaria e o Hospital do Salnés, despois de que no día de onte fose publicada no Diario Oficial de Galicia a resolución co nomeamento como persoal estatutario fixo do Sergas e a adxudicación de destino definitivo, no proceso selectivo convocado pola Resolución do 11 de maio de 2023 por sistema de concurso de méritos.

En concreto, os novos profesionais cubrirán sete prazas da categoría de pediatra de Atención Primaria ofertadas nos seguintes centros de saúde da área de saúde pontevedresa: dúas prazas no concello de Sanxenxo; unha praza para os centros de A Lama-Cerdedo/Cotobade-Ponte Caldelas; outra para os municipios de Moraña e Cuntis; unha no centro de saúde de San Roque, en Vilagarcía de Arousa; unha para os concellos de A Illa e Ribadumia; e, finalmente, outra praza no de O Grove.

No que se refire á atención pediátrica no eido hospitalario, a Área Sanitaria adxudicou catro prazas da categoría de Facultativo Especialista de Área de Pediatría e as súas áreas específicas, efectivos médicos que prestarán asistencia á poboación infantil desde o Hospital do Salnés en Vilagarcía de Arousa.

No acto de acollida, en representación da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés estiveron presentes a directora asistencial, Susana Romero Yuste; a directora do distrito do Salnés, Encarnación Lucas; a subdirectora de Atención Primaria, Dolores Pan; e o xefe do Servizo de Pediatría do Hospital do Salnés, José Moure.

A directora asistencial, a doutora Romero, amosouse “encantada de recibir” ás novas profesionais que asinaron hoxe a toma de posesión, algunhas das cales xa estaban a traballar nos centros asistenciais de área sanitaria, e quixo darlles un agradecemento pola súa labor en nome da área de saúde e das nenas e nenos que teñen por pacientes.

A resolución de convocatoria deste proceso de estabilización realizouse en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario.

Coa finalidade de garantir a continuidade asistencial e a calidade, a eficacia e a eficiencia dos servizos en prol de impulsar a incorporación urxente, estable e permanente de persoal aos postos de difícil cobertura, resolveuse este proceso selectivo en menos de 10 meses. O acceso sen proba de exame resultou da baremación de méritos de experiencia, formación académica e continuada, publicacións, entre outras.

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde hoxe, día seguinte ao da publicación da Resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 18 de abril de 2024.

Comentarios