lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

Chegou a hora de Culturgal

A Feira das Industrias Culturais de Galicia celebra a súa XII edición no Pazo da Cultura de Pontevedra ao longo desta fin de semana

Toca Culturgal. Ocorre todos os outonos en Pontevedra. O recinto feiral e o Pazo da Cultura énchense de literatura, arte, cine, música, etnografía e todo tipo de creación feita en Galicia. A Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, celebra dende este venres unha nova edición na que reunirá o talento made in Galicia.

A inauguración tivo lugar este venres, e á mesma acudiron representantes de Xunta de Galicia, Agadic, o Concello de Pontevedra e a Deputación, colaboradores da feira organizada pola Asociación Culturgal. "Este é un dos maiores eventos culturais de Galicia e o noso máis importante escaparate de creación", dixo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante o acto de inauguración.

A feira chega nesta edición con cambios no seu deseño para conseguir espazos máis abertos. Ademais, buscarase implantar as novas tecnoloxías ao máximo nun novo espazo de cultura interactiva na que a participación do público será un elemento fundamental da feira. Así, incluiranse experiencias de realidade virtual e aumentada.

Esta iniciativa agrupa 138 actividades durante tres días que son representativas da actividade cultural que se leva a cabo en Galicia. Así, os grandes nomes da cultura galega do momento pasarán por Culturgal, como Miguelanxo Prado, Ledicia Costas, Oliver Laxe, Marful, Chévere, Quico Cadaval, Dios Ke Te Crew, Tanxugueiras e Xurxo Souto.

As actividades volveranse organizar, como en anos anteriores, arredor de seis grandes espazos: Foro, centrado no ámbito profesional; Infantil, por onde pasarán Maria Fumaça, Mamá Cabra e Xoán Curiel, entre outros ("este segue a ser un dos grandes motores da feira"); Carpa, que permitirá gozar de espectáculos de medio formato como os de Dios Ke Te Crew ou Tanxugueiras; Libro, cos autores máis importantes da literatura galega contemporánea; Cinema, no que se poderá ver, ademais da que é a película do ano en Galicia, O que arde, a preestrea dun dos títulos máis agardadados da temporada, a adaptación ao cine de Eroski Paraíso, de Chévere; e o Espazo Arte Contemporánea, que ocupa as salas de exposicións do Pazo da Cultura con varios postos e dúas mostras, unha do Xacobeo e outra do Premio de Fotografía Luis Ksado. A todos estes espazos uniránselles o Espazo Gastronómico, que incrementará a súa oferta despois da proba do ano pasado, e o Espazo de Cultura Interactiva.

O espazo da feira deste ano estará ocupado por 85 stands. A eles, que están instalados no Recinto Feiral, hai que engadir os 18 do Espazo Arte, nas salas de exposicións do Pazo da Cultura. Un percorrido pola feira ofrece unha panorámica do que é a cultura en Galicia este venres a través de galerías, editoriais, librarías, axencias culturais, artesáns ou compañías.

As entradas para acceder a Culturgal teñen un prezo de dous euros para os menores de 14 anos e tres euros para adultos. Os nenos e nenas de entre cero e dous anos poden entrar de balde. Esa entrada dá acceso a todas as actividades da feira salvo dúas, os espectáculos centrais para os que se despachan entradas de xeito independente. O espectáculo central para adultos estará protagonizado por Marful, que se volverá reunir co acompañamendo da concursante de Operación Triunfo Sabela Ramil. Será este sábado 30 de novembro, ás 21.30 horas no Pazo da Cultura. As entradas están dispoñibles en ataquilla.com e custan entre 8,80 e 18,70 euros. O outro espectáculo de pago é infantil e correrá a cargo de Talía Teatro. Terá lugar o próximo domingo (12.00 horas, ataquilla.com, e custaba 5,50 euros).

Chegou a hora de Culturgal
Comentarios