O CHOP informará en tempo real sobre as operacións

Activa un sistema de avisos aos familiares sobre a evolución da intervención

Hospital Provincial de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO -
photo_camera Hospital Provincial de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - CHOP

Os tres hospitais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés (Provincial, Montecelo e O Salnés) veñen de implantar un novo sistema de avisos aos familiares dos pacientes que están sendo intervidos nos quirófanos. Trátase do proxecto 'Lembra', unha plataforma de comunicación baseada no envío de SMS, que son remitidos ao teléfono da persoa que acompaña ao paciente.

O obxectivo é manter informados aos achegados dos usuarios, sen que teñan que estar fisicamente na sala de espera durante a intervención, e mitigar a súa inquedanza mentres agardan.

As mensaxes son enviadas dende o propio ordenador do quirófano mediante a plataforma 'Lembra', polo que a comunicación entre o equipo cirúrxico e a familia "é directa e rápida", subliñan fontes do CHOP. O persoal autorizado para o envío só ten que introducir o número de contacto facilitado polo acompañante e escoller o tipo de mensaxe que se vai enviar. Un deles é para avisar de que a operación xa rematou e reza: "Informámoslle de que a cirurxía finalizou e estamos a preparar a saída do paciente. Acuda ao punto de información e agarde polo persoal sanitario". O segundo é para confirmar que a intervención segue en curso e emprégase nas intervencións longas ou que se prolongan máis do esperado. "Para a súa tranquilidade, informámoslle de que a cirurxía segue o seu curso. Ao finalizar enviarémoslle unha nova mensaxe", reza o texto.

Durante estas últimas semanas realizáronse as primeiras probas nalgunhas especialidades "e cómpre sinalar que a acollida foi moi boa, tanto por parte do persoal como dos pacientes e acompañantes". O sistema activarase definitivamente este luns.

Comentarios