A chuvia eclipsa a inauguración da tirolina infantil de Raíña Vitoria

A atracción poderase utilizar presentando un tique de compra no comercio local por calquera importe
Un neno emprega a tirolina de Raíña Vitoria. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un neno emprega a tirolina de Raíña Vitoria. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A tirolina da rúa Raíña Vitoria inaugurouse este venres malia a chuvia. Os monitores que organizan o funcionamento da mesma dubidaban antes da súa apertura se se podería poñer en marcha debido ao tempo e á chuvia. Pero finalmente, ás 12.00 horas, a estrutura púxose en marcha, aínda que non contou con demasiada afluencia de xente debido a que pola mañá os nenos e nenas aínda estaban no colexio e, pola tarde, a chuvia non deu descanso.

Foi instalada pola Concellaría de Festas, que dirixe Carme da Silva. Trátase dunha atracción que ten 150 metros de lonxitude e está instalada no tramo peonil da rúa.

O horario da tirolina é de 12.00 a 14.00 horas, polas mañás, e de 16.30 a 19.30 horas, polas tardes. O acceso a esta atracción de feira realízase mediante a presentación de tiques do comercio local, sen un mínimo de importe, xa que unha das liñas de actuación de todos os departamentos do Concello que organizan actividades neste Nadal é favorecer a compra no comercio local.

Os protocolos covid están garantidos, "como en todas as actividades que organiza a Concellaría de Festas, tal e como se ten demostrado no pasado verán, por exemplo", segundo explican fontes do Concello.

A atracción ten 150 metros de lonxitude e está aberta de 12.00 a 14.00, polas mañás, e de 16.30 a 19.30, polas tardes

Deste xeito, para evitar aglomeracións de xente, as persoas non terán necesidade de facer colas, xa que se lles entregará un número e cando saia na pantalla informativa poderán acceder para subirse á tirolina.

A POLÉMICA. Unha das polémicas das últimas semanas veu motivada, precisamente, pola instalación da atracción na mencionada rúa, que foi pechada ao tráfico a motor polo Concello. O Goberno local xustificou o peche como unha medida para evitar a concentración de alumnado do IES Sánchez Cantón na entrada e na saída do centro e permanece vixente dende o mes de setembro.

A decisión do Goberno local provocou as críticas do PP, que aboga pola reapertura ao tráfico da rúa e atopa nesta medida unha antesala do peche dun dos sentidos da Ponte da Barca.

Máis alá das cuestións políticas, a tirolina estará na rúa máis polémica do último trimestre de 2020 ao longo de todo o Nadal, completando unha programación para as festas que busca inspirar esperanza e fecilidade entre a veciñanza, segundo explicou a concelleira Da Silva na presentación das actividades.