Chuvia de música e de letras en Pontevedra

A Asociación Músico Cultural San Martiño honrou ao autor de Córgomo cun concerto da Banda de Música de Salcedo e outro da súa Coral Polifónica, que actuou xunto a outras tres ► Dabelaii foi a gañadora da final do certame Música nas Letras
undefined
photo_camera Público do concurso 'Música nas Letras' e Dabelaii, gañador do certame organizado por segundo ano consecutivo pola Concellería de Normalización Lingüística. B CÍSCAR/ G. GARCÍA

Con música e máis música celebrouse este martes en Pontevedra o Día das Letras Galegas, adicado este ano a Florencio Delgado Gurriarán. A primeira actividade da xornada estivo organizada pola Asociación Músico Cultural San Martiño e foi un concerto na Casa Verde ofrecido pola Banda de Música de Salcedo que, nunha das pezas do repertorio, contou coa colaboración do gaiteiro Andrés Lorenzo Castro.

A programación desta entidade continuou pola tarde, ás 18.30, cun concerto coral no que participaron a Coral Polifónica de Salcedo, como anfitrioa, xunto á de Noia, o Coro Samertolameu de Moaña e a agrupación Amigos da Farra.

undefined
Concerto da Banda de Música de Salcedo. G. GARCÍA/ B. CÍSCAR

Finalmente este ano non se celebrou o tradicional acto de homenaxe que adoitaba organizar a Asociación Sociocultural O Burgo na praza de Curros Enríquez.

O que si houbo na Ferraría foi a final do concurso Música nas Letras, promovido pola Concellería de Normalización Lingüística.

O obxectivo do certame, que contou coa participación de cinco agrupacións, foi poñer música e melodías a poemas do escritor de Córgomo dun xeito libre e orixinal. Desas cinco bandas iniciais, o xurado seleccionou tres para participar na final, que foron as que onte desafiaron á chuvia sobre o escenario instalado na céntrica praza pontevedresa. Entre esas tres, a gañadora foi Dabelaii, en segundo posto quedou Haku e o terceiro lugar do podio foi para AT59.