O ciclista enfermo de Crohn, Víctor Loira, comeza este domingo a súa volta a Galicia

Percorrerá 1.320 quilómetros en 17 etapas ► Busca visibilizar as doenzas inflamatorias intestinais

Víctor Loira. LORENZO CASTRO
photo_camera Víctor Loira. LORENZO CASTRO

Víctor Loira, que padece a enfermidade de Crohn (colite ulcerosa), comezará o luns a súa volta a Galicia en 17 etapas, unha iniciativa impulsada pola Asociación Socio Sanitaria de Enfermedades Inflamatorias Intestinales (Asseii). Parte este domingo desde Pontevedra para finalizar o 4 de setembro na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela.

O reto de Loira consiste en realizar un percorrido en patinete e bicicleta polos hospitais galegos para informar e concienciar sobre a colite ulcerosa, unha enfermidade que non resulta visible dado que afecta aos órganos internos.

O desafío ten tamén o obxectivo de recadar 4.000 euros que Asseii destinará á investigación sobre esta doenza que carece de cura e a axuda psicolóxica para os que a padecen.

A inicitiva de Loira e da Asseii foi presentada o pasado 23 de xullo no Concello de Pontevedra, que colabora neste reto xunto á Deputación e á Consellaría de Sanidade. Nela estiveron presentes a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro,e o cociñeiro Pepe Solla, colaborador da Asseii.

A enfermidade do ciclista obrígao a usar unha bolsa de ileostomía, motivo polo que alternará a bicicleta e o patinete durante as distintas etapas da súa volta a Galicia, xa que con este último medio de transporte pode levar recta a súa bolsa e facer máis levadeiro o percorrido. Cada etapa das que realizará Loira inclúe o paso por un hospital que conte con baños adaptados para o baleirado da bolsa, e en moitos deles aproveitará para visibilizar de distintas formas a colite ulcerosa.

O luns, na súa chegada en bicileta a Ourense ao mediodía, será recibido na Praza Maior, onde se organizará unha mesa informativa sobre as enfermidades inflamatorias intestinais. Ao día seguinte visitará o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e dará ás 09.00 horas unha rolda de prensa previa ao comezo da segunda etapa, con 52 quilómetros en patinete que rematarán en Trasmirás.

Comentarios