O ciclo de cine de verán incluirá pases de 'Capitán Fantastic', 'Lady Bird' e 'Psycosis'

Cartel Lady Bird
photo_camera Cartel Lady Bird

Cinco películas compoñen o programa do ciclo de proxeccións que cada verán organizan, na Praza da Pedreira, o cineclub da cidade e o Concello de Pontevedra: 'Cinema na lúa'. Este ano poderanse ver 'Comanchería', 'Muchos hijos, un mono y un castillo', 'Capitán Fantastic', 'Lady Bird' e 'Psycosis', entre o luns 3 e o venres 7 de agosto. Todos os títulos se proxectarán ás 23.00 horas e o acceso será libre, aínda que este ano o aforo será reducido para cumprir coas medidas sanitarias de seguridade.

Catro dos filmes veranse na súa versión dobrada ao castelán e un, 'Psycosis', poderase ver en versión orixinal con subtítulos en español.

A película que abrirá 'Cinema na lúa' é un western protagonizado por Jeff Bridges, Chris Pine e Ben Foster, que pasou polo Festival de Cannes e que foi candidata a diferentes Globos de Ouro e Oscar, entre eles, os de mellor película.

'Muchos hijos, un mono y un castillo' é un documental dirixido polo tamén actor Gustavo Salmerón, que retrata neste traballo a particular forma que ten súa nai, Julia Salmerón, de enfrontar a realidade, ao tempo que fai un repaso polo que foi a súa vida. Conseguiu premios e quedou finalista en festivais e certames de distintas partes do mundo, ademais de facerse co Premio Goya ao mellor documental.

O protagonista de 'Capitán Fantastic' é o actor Viggo Mortensen, que foi candidato tanto ao Oscar como ao Globo de Ouro por este traballo. A película, que se puido ver no Festival de Cannes, conta a historia dun home que decide criar en plena natureza e pola súa conta aos seus dez fillos.

Escrita e dirixida por Greta Gerwig, 'Lady Bird' contou con dous dos actores novos máis importantes da súa xeración: Saoirse Ronan e Timothée Chalamet, cos que precisamente a cineasta repetiría no seu título máis recente, a adaptación de 'Mujercitas'. O filme, que conta a historia do último ano no instituto dunha adolescente norteamericana que trata de encontrar o seu propio camiño, conseguiu ser candidato a cinco premios Oscar, incluídos o de mellor película e directora.