domingo. 23.01.2022 |
El tiempo
domingo. 23.01.2022
El tiempo

Os Cidade de Pontevedra premian o ensino en galego e o tenis de mesa

Reunión do xurado no Concello de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Reunión do xurado no Concello de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
A candidatura conxunta dos profesores Vitoria Ogando e Anxo González imponse na categoría de persoa física e a do Club Tenis de Mesa Monte Porreiro na de persoa xurídica. Os galardóns entregaranse o 20 de xaneiro, festividade de San Sebastián

Por unanimidade. A nova edición dos Premios Cidade de Pontevedra, correspondentes ao exercicio de 2021, concedéronse este xoves co acordo de todos os membros do xurado, entre os que había membros da Corporación local e das forzas vivas do municipio. Todos eles decidiron recoñecer ao ensino en galego e ao tenis de mesa.

A candidatura conxunta dos profesores Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, promovida por distintos colectivos, entre eles, institutos da cidade, impúxose na cateogría de persoa física e a do Club Tenis de Mesa Monte Porreiro, proposta pola empresa Fisioterapia Pontevedra SL, na de persoa xurídica. Os galardóns entregaranse o vindeiro 20 de xaneiro, festividade de San Sebastián, durante a celebración dun Pleno extraordinario no Teatro Principal. O acceso ao mesmo estará condicionado pola evolución da pandemia do coronavirus.

A presidenta do xurado e concelleira de Cultura, Carmen Fouces, amosou a súa satisfacción polo acordo logrado á hora de escoller aos galardoados. "Foi unha situación amable, seguindo as bases destes premios, deseñados para que todas as persoas, asociacións, prensa e organizacións políticas poidan estar de acordo en algo tan importante como son estes premios, que representan a toda a cidade", explicou.

Aínda que era a única aspirante na súa categoría, Fouces destacou o recoñecemento ao Club de Tenis de Mesa Monte Porreiro, que recentemente recibiu o Premio HQR! ao Mellor Equipo do Ano. "Que ninguén pense que se vota por exclusión ou porque non hai máis remedio. Este club é un enorme merecedor dos premios Cidade de Pontevedra porque o traballo que leva feito ao longo dos últimos anos, a súa proxección internacional lograda no último ano e todo o que aportou ao deporte de base e á competición xustifican a súa elección", subliñou.

De Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, que son catedráticos e foron mestres de Lingua Galega e Literatura nos institutos Valle Inclán e Sánchez Cantón, respectivamente, a edil de Cultura destacou a súa traxectoria e conexión con Pontevedra. Ambos os dous xa están xubilados e en 2018 recibiron o Premio Xoán Manuel Pintos pola promoción do galego. "Anxo e Vitoria forman parte desta sociedade e cidade desde hai 40 anos, sempre amosando un esforzo enorme polo ensino e a mellora da nosa lingua como dá boa conta disto a plataforma ogalego.eu", dixo en referencia a este último proxecto de promoción do galego a través de exercicios, aulas dixitais e outro tipo de accións.

PRECEDENTES. "Os nomeados desta edición eran moi potentes e calquera podería ter sido merecedora do premio", engadiu Fouces sobre as outras dúas candidaturas finalistas, a da profesora Carmen Quinteiro e da activista pola defensa da ría Leonor González "Nené".

Vitoria Ogando, Anxo González e o Club Tenis de Mesa Monte Porreiro daranlle o relevo aos premiados na edición pasada, a de 2020, ano do inicio da pandemia, no que se recoñeceu á futbolista Paula Dapena pola súa defensa do feminismo e ao persoal sanitario de Pontevedra polo seu traballo durante a crise da covid.

Os premiados recibirán, como vén sendo tradicional, un diploma acreditativo co Premio Cidade de Pontevedra e unha figura de prata que representa ao heroe Teucro, fundador da cidade de Pontevedra segundo recollen as lendas.

Os Cidade de Pontevedra premian o ensino en galego e o tenis de mesa
Comentarios