Ciencias da Educación gradúa a 240 estudantes das súas tres titulacións

O Pazo da Cultura acolleu os tres actos de xeito consecutivo ► Recibiron o diploma 90 titulados en Ciencias do Deporte, 80 de Educación Primaria e 70 de Educación Infantil

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte celebrou este venres no Pazo da Cultura, en tres actos independentes, a graduación das décimas promocións dos tres graos que se imparten no centro. O evento iniciouse ás 16.00 horas coa graduación de 90 novos titulados e tituladas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que tiveron como madriña á profesora Marián Fernández Villarino e como padriño ao docente Alexis Padrón.

Ás 17.30 despediuse a 80 graduados e graduadas en Educación Primaria e, finalmente, ás 19.00 horas tivo lugar o acto do Grao en Educación Infantil, no que 70 novos titulados e tituladas tiveron como padriño ao profesor Rubén Dominguez.

Graduación de Educación Primaria. ANXO LORENZO
Graduación de Educación Primaria. ANXO LORENZO

"O ano pasado toda a facultade implicouse dunha maneira espectacular para que o acto fose bastante lucido, pero este ano recuperamos a participación dos familiares, o que é un importante valor engadido", salientou o decano, Óscar García, sobre unha conmemoración que permitiu pór en valor unhas promocións "que teñen o plus de terse enfrontado a unha situación difícil e tela superado" e ás que a pandemia obrigou "a saber utilizar todos os seus recursos". Os actos contaron coa actuación da Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus de Pontevedra.

Foto de familia dos futuros docentes. ANXO LORENZO
Foto de familia dos futuros docentes. ANXO LORENZO

Entre as autoridades, ademais do propio decano, estaban anunciados Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; Gregorio Agís, deputado provincial; Henrique Xoán Rodríguez, presidente do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte (Colef) de Galicia, e Pablo Arias, vicedecano da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña.

O futuro da docencia xuntouse no Pazo da Cultura. ANXO LORENZO
O futuro da docencia xuntouse no Pazo da Cultura. ANXO LORENZO

Aínda queda un acto de graduación pendente, o de Comunicación Audiovisual, previsto para o venres 1 de xullo e no que se despedirá a 42 novos titulados.

Comentarios