Ciencias Sociais analiza os debates electorais cun congreso o luns e o martes

O proxecto ten como obxectivo articular un modelo de referencia para a organización e difusión dos debates electorais televisivos
Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. GOOGLE
photo_camera Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. GOOGLE

'Os debates electorais a debate' é o título do I Congreso Internacional sobre Debates Electorais Televisados e Novas Formas de Comunicación Política, evento que o próximo luns e martes reunirá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación preto de 150 especialistas.

Organizado polo grupo de investigación CP2, insírese no proxecto de investigación DebaTv, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e que ten como obxectivo articular un modelo de referencia para a organización e difusión dos debates electorais televisivos. "Estamos no ecuador do proxecto, polo que realizamos este congreso para facer unha posta en común con todos os axentes implicados", sinala o profesor Xosé Rúas, presidente do comité organizador do congreso xunto á tamén docente Ana Belén Fernández Souto.

O congreso buscará xerar unha discusión sobre "como teñen que ser os debates, cales deberían ser as súas normas, os problemas de negociación...", tendo en conta a ausencia en España dunha regulación neste eido. Nese senso, porá o foco na necesidade de "novos modelos e formatos", tendo en conta "o cambio que supuxo pasar dunha estrutura bipartidista a unha multipartidista", así como a importancia que teñen as chamadas "segundas pantallas", apunta Rúas, que incide no interese que engade ao congreso o feito de que poidan celebrarse en novembro unhas novas eleccións xerais.

Comentarios