Cinco científicas galegas para visibilizar o Día Internacional da Muller na Ciencia

Begoña Vila conectarase con estudantes pontevedreses por videoconferencia e Alicia Estévez, Vanessa Valdiglesias, Elena Vázquez e Isabel Pastoriza protagonizarán unha mesa redonda

Fouces participou nunha reunión con técnicos municipais e xornalistas de GCiencia. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Fouces participou nunha reunión con técnicos municipais e xornalistas de GCiencia. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Visibilizar o papel das científicas, crear roles femininos neste eido e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico son os obxectivos da xornada que o Concello de Pontevedra e o portal GCiencia organizaron para o 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Estará protagonizada por cinco «científicas espectaculares cun currículum incrible», en palabras da xornalista de GCiencia Mila Alonso.

Son a astrofísica especializada no estudo das galaxias espirais Begoña Vila, a catedrática de Microbioloxía pontevedresa Alicia Estévez, a Premio á Mellor Investigadora Moza de Europa 2015 Vanessa Valdiglesias, a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez, e a doutora en Químicas da UVigo Isabel Pastoriza.

"As mulleres non estamos todo o representadas que nos correspondería neste eido segundo a porcentaxe da poboación. Algo está pasando", reflexionou a concelleira de Educación e Igualdade, Carme Fouces, na rolda de prensa na que se presentou onte a iniciativa, polo que "resulta fundamental ir modificando estes estereotipos e estes marcos".

A xornada do 11 de febreiro incluirá dúas actividades. A primeira, pola mañá no Pazo da Cultura, consistirá nunha videoconferencia con Begoña Vila, desde a NASA, onde traballa como enxeñeira de sistemas no Centro de voo espacial Goddard, que servirá para que "as nenas vexan que poden ser científicas e os nenos vexan que as nenas tamén poden". A protagonista foi premio María Josefa Wonenburger 2017. Aínda que en principio estaba dirixida a alumnado de Secundaria, o feito de que non sexa unha xornada lectiva en Pontevedra fixo que tamén se convidara a escolares de Primaria e doutros municipios da comarca. Haberá cabida para preto de 200 persoas.

Xa pola tarde (Casa das Campás, 20.00 horas), terá lugar unha mesa redonda coas outras catro científicas aberta ao público.

MESA REDONDA. Alicia Estévez Toranzo é catedrática de Microbioloxía e directora do Grupo de Patoloxía en Acuitultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), así como premio María Josefa Wonenburger 2018 e vicepresidenta da Real Academia Galega de Ciencias.

Vanessa Valdiglesias é doutora en Bioloxía e investigadora no laboratorio de Toxicoloxía da Universidade da Coruña, ademais de premio á mellor investigadora moza de Europa 2015.

Elena Vázquez é decana da facultade de Matemáticas da USC, investigadora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial e membro do plenario do Consello da Cultura Galega.

Finalmente, Isabel Pastoriza é doutora en Químicas pola Universidade de Vigo e premio L'Oreal-Unesco polas Mulleres na Ciencia en 2011.

Comentarios