O CIF de Lourizán desvela que as especies coñecidas de grilos se duplican en Galicia

A doazón de Biodiversidade de Galicia dunha colección de 500 exemplares á institución pontevedresa amosa seis variedades novas
Unha mostra dos grilos doados ao CIF de Lourizán. DP
photo_camera Unha mostra dos grilos doados ao CIF de Lourizán. DP

O Centro de Investigacións Forestais (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, acaba de recibir unha doazón por parte da Asociación BIGA (Biodiversidade en Galicia) con máis de 500 exemplares de grilos preparados, estendidos e agrupados por especie.

Esta doazón permitiu que practicamente se duplicase o número de especies coñecidas en Galicia, posto que ata o de agora só se tiña constancia de oito especies e agora este número elévase a 14, o que fai desta colección unha das mellores e máis completas deste grupo na nosa comunidade. A importancia desta colección vén dada porque o número de exemplares en coleccións de institucións oficiais é máis reducida ou reúne unha pequena parte de todas as especies coñecidas.

Neste senso, cabe sinalar que os grilos teñen unha gran importancia agrícola porque algunhas especies son boas bioindicadoras medioambientais e as súas poboacións revelan unha boa conservación do medio. Ademais, en xeral, os artrópodos teñen un innegable interese forestal, xa que poden actuar como favorecedores do desenvolvemento das masas forestais.

OUTRAS COLECCIÓNS. Así, este material enriquece as coleccións existentes de flora vascular (cedida polos investigadores Merino, Gómez Vigide, García Martínez, Biodiversidade de Galicia e recoleccións propias), de material micolóxico (de Fernández de Ana Magán, Freire e Castro Cerceda) e das coleccións de coleópteros (Scolytinae) da doutora María Josefa Lombardero, así como outros exemplares de diversas familias aportados por investigadores do CIF de Lourizán e membros da Asociación BIGA.

Actualmente, o CIF de Lourizán dispón de máis de 85.000 pregos de plantas vasculares, 25.000 de fungos e máis de 8.000 de insectos de diferentes ordes (coleópteros, lepidópteros e neurópteros, principalmente).

Comentarios