O CIFP Montecelo e o IES de Soutomaior son os dous únicos centros educativos da provincia seleccionados na cuarta edición do programa educativo Talentos Inclusivos, impulsado pola Consellería de Educación, segundo a resolución publicada este venres por este organismo e que inclúe once centros da provincia da Coruña, un de Guitiriz (Lugo) e outro de Ourense.
O obxectivo xeral deste programa, no que o CIFP Montecelo (antes IES) xa participara nalgunha edición anterior, é incrementar o coñecemento e competencias no ámbito da ciencia e da tecnoloxía da mocidade a través da participación activa e colaborativa no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para persoas con parálise cerebral, no marco do Convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (Citic) da Universidade da Coruña.
Entre os obxectivos específicos figuran combinar a atención á diversidade coa xestión do talento do alumnado en centros educativos galegos, traballar na atención á diversidade a través de equipos colaborativos e visibilizar ás persoas con parálise cerebral ou con outra diversidade funcional.
O número máximo de alumnado participante será de dez por reto. Un centro poderá participar en máis dun, ata un total de 40 estudantes.
O programa consiste en crear grupos de traballo colaborativos coordinados por investigadors do Citic, profesionais de Aspace Coruña e o profesorado dos centros educativos participantes. Estes grupos estarán formados por persoas con parálise cerebral e alumnado dos centros educativos para resolver, mediante a aplicación da tecnoloxía, retos que sexan de aplicación directa para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral.
As accións formativas desenvolveranse desde agora ata o 6 de xuño de 2024.