O CIFP A Xunqueira impulsa unha mostra para acabar cos estereotipos de xénero

Alumnado e profesorado de Promoción da Igualdade asinan o proxecto Olladas disidentes
undefined
photo_camera Presentación da mostra fotográfica, que estará aberta no centro ata finais de curso. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O alumnado e profesorado do Ciclo Superior de Promoción de Igualdade de Xénero e o curso de Promoción efectiva entre mulleres e homes do CIFP A Xunqueira asinan o proxecto colectivo Olladas Disidentes.

Este xoves presentouse esta iniciativa no centro de formación profesional, que consta dunha exposición fotográfica que nace co obxectivo de "observar máis alá do que se mira". A través de fotomontaxes creadas e deseñadas de maneira cooperativa, os promotores desta iniciativa pretenden revelar "unha realidade que non nos representa, unha realidade estereotipada", a fin de rachar con eses tips de xénero.

"Esta exposición é froito do traballo conxunto entre profesorado e alumnado, e trata a linguaxe inclusiva e a igualdade na publicidade", subliñou Marcos, un dos profesores que impulsa esta proposta. "O alumnado ideouna con esta perspectiva. A exposición amosa corpos non normativos para ver a reacción da xente e dá a volta ós roles convencionais", engadiu.

Fotomontaxe incluída na exposición. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

As imaxes desta mostra estarán expostas no patio exterior do centro ata finais de curso. As fotografías foron realizadas pola fotógrafa e actriz Iria Pinheiro e o procesamento da imaxe correu a conta dos deseñadores pontevedreses Diego Boullosa e Xandre Outeiro. Na presentación destacouse que cada imaxe, que se presenta en grandes paneis, dispón dun código QR coa información do proxecto e posibilidades dunha participación activa.

No marco desta iniciativa levaranse a cabo outras accións no centro como a edición dun catálogo da exposición e unha guía de comunicación inclusiva.

Comentarios