Cine en galego e en feminino en Augal: de 'Matria' ao 'O Corno' e 'O corpo aberto'

Na Master Class do Audiovisual  tamén se poderán ver películas como 'Salta!' e 'Cando toco un animal' ▶ As proxeccións, de balde, con coloquio e abertas ao público, trasladaranse en febreiro á nova sala de cine na Facultade de Comunicación
20231127_Jcervera_052
photo_camera LuisTorres, Emma Torres, Jacobo Sutil e Paulino Pérez, este luns na presentación da nova edición de Augal na Casa das Campás. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

En versión orixinal en galego e en clave feminina. Son dúas das características que definen a programación da XIII Máster Class Audiovisual Galego Augal, dirixida a achegar o alumnado á realidade do sector profesional e que contará con películas como O Corno, o filme co que Jaione Camborda logrou a Concha de Oro do Festival de San Sebastián; e Matria, do ex alumno do campus Álvaro Gago, que suma 16 candidaturas aos Premios Goya. 

Augal está promovida pola Facultade de Comunicación, co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e no seu programa figuran  tamén as longametraxes O corpo aberto, Salta! (ambas protagonizadas por Tamar Novas, que fai dobrete igual que María Váquez) e Cando toco un animal, así como a serie Motel Walkirias e varias curtametraxes. Aínda que está dirixida a complementar a formación do alumnado, as oito sesións están abertas ao público e desenvolveranse entre este martes e o 13 de marzo de 2024. Ademas combinan a proxección dos filmes cun coloquio coas persoas responsables da súa dirección ou produción.

As proxeccións desenvolveranse inicialmente no plató de cine da facultade, aínda que o centro traballa, co apoio da Vicerreitoría do campus, na reforma dun dos seus espazos para convertelo "nunha sala de cine", á que se trasladaría esta programación unha vez completadas as obras, previsiblemente no mes de febreiro. Se agora mesmo a capacidade é para unhas 70 persoas, nas novas instalacións ampliaríase ata as 120.

O programa desta edición presentouse este luns na Casa das Campás, nun acto no que participaron a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres; e o profesor Paulino Pérez, coordinador xunto con Miguel Anxo Fernández desta máster class. 

A decana presentouna como "unha cita obrigada no panorama cultural pontevedrés", además de servir para "reivindicar o audiovisual galego" e de ser "crucial para o desenvolvemento da formación dos nosos estudantes", polo que os animou decididamente a participar. "A Universidade non é só ir á clase, senón estas actividades que enriquecen", apunto Pérez.

Ambos puxeron de relevo o protagonismo que esta programación outorga a profesionais formados na facultade, como Gago ou Filgueira, así como ás mulleres cineastas, posto que "é crucial que as alumnas teñan referentes". 

Ao longo das anteriores doce edicións pasaron por Augal  preto dun centenar de profesionais, que presentaron máis de 80 obras, o que fai desta máster class "un fiel reflexo do que é o sector audiovisual galego na actualidade, que está vivindo o mellor momento da súa historia", subliñou Sutil, que incidiu no valor destes encontros tanto para o estudantado como para os profesionais. Esta conexión foi tamén destacada por Torres, que definiu Augal como "unha excelente plataforma para integrar o noso alumnado no mercado laboral", ao igual que como un proxecto que "encaixa perfectamente" co proxecto de especialización Campus Crea. 

Oito sesións: programación completa

Augal empeza este martes coa proxección de O Corpo Aberto, de Ángeles Huerta, presentada polo seu produtor, Gaspar Broullón. O 12 de decembro terá lugar o III Concurso A Canteira-Augal, no que se proxectarán entre oito e once curtas nacidas como traballos académicos e que optarán ao premio ao mellor traballo do ano.

Por último, o martes 19, tras protagonizar a clausura de Novos Cinemas, poderá verse na facultade Cando toco un animal, nunha sesión que contará coa participación tanto do seu director, Ángel Filgueira, como das súas produtoras, Silvia Fuentes e Anxos Fazáns, tamén egresadas da facultade.

A programación retomarase o 7 de febreiro cunha sesión dedicada ás curtametraxes, na que poderán verse Antes de que se poña o sol, A entrevista e Amanece la noche más larga, coa participación dos seus directores Nani Matos, Fernando Tato, Carlos Fernández de Vigo e Lorena Ares.

O día 21 de febreiro proxectarase O Corno, coa presenza da súa directora Jaione Camborda, mentres que o mércores 28 poderá verse Salta!, da directora Olga Osorio. 

O 6 de marzo terá lugar unha sesión dedicada á serie de televisión Motel Walkirias, na que participará o seu director, Ghaleb Jaber Martínez; e unha semana despois, o 13 de marzo, será a clausura con Matria, a primeira longametraxe do egresado da facultade Álvaro Gago, coincidindo co aniversario da súa estrea en salas.

Por outra banda, este programa complétase cun obradoiro de guión, centrado na creación de microrrelatos, a cargo da produtora e exalumna da facultade Sara Varela. Impartirase os días 1 e 15 de decembro e o 9 de febreiro e está pensado para un máximo de 15 estudantes. A matrícula xa está aberta.

Comentarios