Un cisma pola supresión das materias de lingua adía a modificación de Publicidade

A decana, Emma Torres, defendou os cambios "atendendo á realidade do mercado"
Consello de Goberno celebrado este xoves. DUVI
photo_camera Consello de Goberno celebrado este xoves. DUVI

A aprobación da modificación do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, terá que agardar, informou este xoves o Duvi. O Consello de Goberno celebrado este xoves acordou, a proposta do reitor, adiar a decisión na procura dun acordo, ante a negativa dos departamentos de Lingua española, de Filoloxía galega e latina e de Socioloxía, ciencia política e da administración e filosofía a aceptar a modificación proposta polo decanato da facultade que contempla a eliminación no novo plan de estudos das materias de lingua española e galega.

As intervencións da decana do centro, Emma Torres, e das directoras e membros dos departamentos citados evidenciou unha falta de acordo, que o reitor, Manuel Reigosa, avogou por acadar mediante a celebración de máis reunións con ambas partes, de xeito que se poida trasladar a o Consello de Goberno de setembro unha modificación consensuada.

Este foi un dos puntos da orde do día da sesión do órgano de goberno, que aprobou por asentimento, coa abstención da catedrática Coral del Río, o recoñecemento docente por maternidade, un dos compromisos electorais do novo equipo de goberno, que permitirá ás profesoras a tempo completo que finalicen o seu permiso por parto ou adopción, garda con fins de adopcións, ou acollemento dunha duración mínima dun ano, solicitar unha redución da súa dedicación docente de ata o 100% no primeiro curso académico e o 50% o segundo, desde a data de finalización do permiso.

"Fixemos os cambios atendendo á realidade do mercado" e non formando perfís técnicos, senón directivos ou de creadores e creadoras de contidos

Polémica

Torres defendeu a reforma do plan de estudos do Grao en Publicade e Relacións Públicas, aprobado na xunta de facultade do centro por maioría cualificada. "Fíxose aliñada co que a UVigo necesita". Incidiu na importancia da empregabilidade do alumnado, de estar en consonancia coa demanda da contorna e de facer fronte á competitividade doutras 42 titulacións similares en España.

Tamén reiterou a defensa que do galego que se fai no centro para formar ao seu alumnado. "Fixemos os cambios atendendo á realidade do mercado" e non formando perfís técnicos, senón directivos ou de creadores e creadoras de contidos, entre outros, destacou. Tras confirmar que a materia de lingua non está contemplada no novo plan estudos, trasladou o malestar de parte do profesorado "ao poñerse en dúbida a súa capacidade de impartir habilidades de comunicación". "A Universidade debe transmitir unha mensaxe de modernidade. Non se pode actualizar porque faltan 150 horas de lingua?".

No nome do Departamento de Lingua Española, Inmaculada Báez e Inmaculada Anaya expresaron o seu rexeitamento á eliminación da lingua do novo plan de estudos e da necesidade de que sexan os e as especialistas en filoloxía e lingüística os que se encarguen de impartir estas materias. "O logro dos obxectivos depende da comunicación e de dicir as cousas con corrección", dixo Anaya, quen admitiu que o problema pode radicar en como se están a ensinar as linguas nas universidade en xeral, polo que propuxo intentar cambiar o enfoque das materias facéndoas máis prácticas.

Os representantes do PAS tamén expresaron o seu rexeitamento á supresión das linguas.

O director do Departamento de Filoloxía galega e latina, Xosé Henrique Costas, logo de lembrar que o 80% da docencia do centro se imparte en castelán, avogou por que o alumnado teña  coñecementos en ambas as dúas linguas. "É un despropósito". Eliminar unha lingua minorizada "é ir contra corrente e un paso atrás".

Cristina Caruncho, directora do Departamento de Socioloxía, apuntou tres motivos para opoñerse: "polo que se di e se di mal", que sostivo na afirmación da existencia dunha proliferación de materias técnicas en detrimento da lingua, a socioloxía ou a ética; "polo que non se di e debera dicirse", que Caruncho explicou aludindo ás sucesivas reducións que co paso dos anos sufriron estas materias e a conseguinte amortización e expulsión de profesionais; e "porque vai en contra dos intereses do alumnado e da UVigo". Os representantes do PAS tamén expresaron o seu rexeitamento á supresión das linguas.

Negociacións
Sobre o futuro de Forestais e Enfermería
Reigosa confirmou que se segue a traballar coa Xunta na procura da harmonización das datas relativas á tramitación das titulacións nas tres universidades, co obxectivo de que sexan as mesmas, así como no novo mapa de titulacións de graos. Así mesmo, destacou no seu informe as xestións que se están a realizar coas direccións das escolas de Minas e Enerxía, Enxeñaría Forestal e Enxeñaría Agraria na procura de solucións para as titulacións que se imparten nestes centros e que rexistran baixa matrícula, así como para a creación dunha Facultade de Enfermaría, con presenza nos tres campus, que substitúa aos actuais centros adscritos.

Comentarios