Citas para contar e que lles conten

O Salón do Libro inicia unha serie de actividades paralelas á feira como a creación de encontros entre mozos e persoas maiores da residencia de Campolongo arredor da lectura ou obradoiros para familias para fomentar o hábito lector entre os máis pequenos
photo_camera Contacontos nunha edición anterior do Salón do Libro. ARQUIVO

"Os nosos avós o queren contar e que lles conten". A directora da residencia de maiores de Campolongo explicaba así este xoves a súa satisfacción por poder participar na iniciativa posta en marcha polo Salón do Libro mediante a cal rapazada e persoas maiores intercambiarán opinións arredor de diferentes lecturas. Unha serie de sesións guiadas por escritores da cidade como Manuel Lourenzo, Fina Casalderrey ou Kiko da Silva nas que non faltará o chocolate con churros e as perspectivas cruzadas de novos e experimentados. Fouces confiaba no éxito da iniciativa xa que "Pontevedra conta cun sustrato magnífico para que estes proxectos agromen". 

Por outra parte, a directora da residencia, Teresa Caneda, explicaba que no centro son máis dun cento os usuarios do club de lectura e que xa teñen moitos voluntarios apuntados na iniciativa. "Encántanos que veña xente a ver aos nosos avós para que tamén eles estean con xente de fóra", explicaba a directora sobre este tipo de proxectos que abarca diferentes xeracións. 

Pero non só os avós serán protagonistas das actividades paralelas ao Salón do Libro, as familias máis curiosas e preocupadas por fomentar a lectura vovlerán ter un espazo que, desta vez, prolongarase dende o mes de outubro ata maio con sesións mensuais para orientar ás familias.

Deste xeito, pais, nais e mesmo avós e avoas poderán participar nunha iniciativa na que participarán escritores, psicólogos ou educadores que falarán de técnicas para que a lectura sexa unha fonte de diversión, un xeito de crear vínculos ou resolver conflitos. Os participantes aprenderán tamén a contar un conto ben, a recitar poesía e recibirán tamén consello sobre que libros mercar para chamar a atención dos pequenos.

A primeira sesión terá lugar o vindeiro 28 de outubro e cómpre facer inscrición previa na páxina web salondolibro.gal. Tamén haberá servizo de ludoteca para nenos e nenas de máis de dous anos, pero tamén é preciso reservar praza. "Esta é unha iniciativa moi importante porque hai preocupación nas familias para que os nenos e nenas sexan lectores", explicou o integrante da Fanpa Francisco Freire Vila.