"Estanse dando pasos, pero coa loita pola igualdade nunca é suficiente"

A Federación pola Igualdade da Provincia de Pontevedra naceu para apoiar ás asociacións de mulleres na súa loita
Raquel Touriño, en Borela, cunha frase da campaña. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Raquel Touriño, en Borela, cunha frase da campaña. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Raquel Touriño é a presidenta de FEMUPO. 

Con que obxectivo naceu Femupo?

Naceu nun encontro de asociacións de mulleres da provincia celebrado en setembro en CerdedoCotobade pola necesidade de crear unha federación para dar apoio a estas entidades, porque é complicado pertencer a unha asociación, e máis a unha deste tipo, xa que os recursos son escasos, chegar ás subvencións é complicado, pois supón moita burocracia e dispoñer de información técnica. Por todo isto, moitas asociación quedan esmorecidas e sen ánimo para funcionar, así que a Federación naceu para darlles apoio e para levar unha liña forte por toda a provincia sobre a igualdade e contra a violencia de xénero.

Cantas asociacións a integran?

Actualmente once ao longo de toda a provincia, entre as que están entidades de Vigo, Tui, O Porriño, Poio, Estribela, A Guarda, Baixo Miño, A Estrada, Lalín, Cerdedo-Cotobade e a da ría de Pontevedra. A idea é seguir medrando e aumentando con asociacións que poidan achegar máis color e ás que nós poidamos axudar a sacar os proxectos adiante.

Novembro é un mes importante para visibilizar a loita contra a violencia de xénero. Que accións está a realizar Femupo?

É importante aproveitar o tirón que ten este mes para facer máis forza e que a mensaxe chegue máis aló, pero aínda que en novembro botamos toda a carne no asador, estase traballando todo o ano. Femupo ten unha campaña de visibilización que consiste nuns círculos repartidos polas asociacións federadas cunha frase en cada un para reflexar o sentir sobre a lacra da violencia de xénero. Levamos dende o día 1 subindo cada día unha foto ás rede sociais. A maiores, hai un mes asinamos un convenio coa Xunta, que achegou 15.000 euros para poder levar a cabo proxectos que as nosas asociacións federadas tiñan gañas de facer pero non tiñan capacidade. Así, outra das actividades realizadas foi un ciclo de charlas online sobre o ámbito familiar, pois na educación dende o berce é onde está a base para fomentar unha sociedade igualitaria e corresponsable e tentar que esa mensaxe cale fondo na sociedade. O día 23 celebraremos a última destas charlas. Son impartidas pola educadora social Gloria Fontán e están tendo moi boa repercusión.

Tamén organizaron obradoiros, non?

Si, tamén organizamos Traballando no meu, pois entendemos que a independencia económica é fundamental para que unha muller poida tomar a decisión de saír dunha situación complicada. Para iso, neste obradoiro danse ferramentas de emprego: como acceder a unha lista de emprego público, buscar oposicións, traballar con empresas de traballo temporal, etcétera. A maiores, hoxe venres celebramos unha actividade de recursos de atención ás mulleres sobre violencia de xénero impartida por Belén Liste, que é a subdirectora xeral para o tratamento da violencia de xénero da Secretaría Xeral de Igualdade, pois o noso deber é amosarlle ás mulleres todas as saídas e axudalas a atopar todos os recursos. Do mesmo xeito, o sábado 21 celebraremos o II Encontro Provincial entre Asociacións de Mulleres, que vai a cargo da Asociación Mulleres en Igualdade da Ría de Pontevedra. Nesta ocasión ten que ser online, pero contaremos coa presenza da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e de Luísa Piñeiro como delegada territorial da Xunta de Galicia. A xornada incluirá unhas charlas de formación a cargo de Aempe Galicia e de UGT. Con estes encontros, as asociacións facemos piña e estamos en contacto para falar das carencias que hai e establecer sinerxias para mellorar a vida da nosa contorna.

A pandemia e o confinamento que implica veu empeorar aínda máis a situación para as mulleres que sofren maltrato ao ter que estar atrapadas nas súas casas cos seus maltratadores. Sabe se aumentaron as denuncias ou as vítimas de violencia machista nestes meses?

Con respecto ao ano pasado os asasinatos de mulleres a mans de homes diminuíron, pero as cifras non reflexan a realidade. Moitos dos asasinatos prodúcense cando a muller decide que xa basta e o home non o acepta. Agora, este tipo de situacións non se están dando con toda a regularidade dun ambiente normal no que non houbese alerta sanitaria. Agora elas están encerradas e eles exercen un maior sometemento. Dende marzo, cando se decretou o confinamento, Femupo atendeu catro chamadas de mulleres socilitando recursos para saír de situación de violencia e 40 chamadas máis pedindo información. Recentemente, a Xunta publicou o informe de 2020 sobre violencia de xénero e, aínda que non se pode baixar a garda, Galicia está nunha posición que indica que se están dando os pasos necesarios. Pero nunca é suficiente e Femupo está tamén para pedir ás Administracións que sigan mellorando en recursos, en atención e que non se esquezan de que isto é unha carreira de fondo. Unha soa muller asasinada xa é un fracaso da sociedade.

A labor que realizan os colectivos feministas conseguiu que nos últimos tempos se poña máis o foco da atención pública na desigualdade e na violencia machista, pero a pandemia desviou ese foco.

Si, quedou todo relegado a un segundo plano. Pero as cousas seguen sucedendo a pesar da pandemia e hai que facer fincapé en atallar a crise sanitaria, pero non podemos esquecer o demais. Por iso vén un mes como novembro e as asociación temos que sacar a cabeza e facer aínda máis forza.

É importante aproveitar o tirón de novembro para que a mensaxe chegue máis aló, pero traballamos todo o ano

Comentarios