O COAG detecta maior interese por rehabilitar casas no rural tras a covid-19

O Colexio de Arquitectura reclama que as administracións axilicen as licenzas e que aproveiten a crise para sumarse á dixitalización
2020061213430330548
photo_camera Carlos Berride, Anselmo Villanueva e María Pierres, este xoves. DAVID FREIRE

As terrazas cobran forza tras o confinamento. "Riqueza espacial, espazos rehabilitados e de calidade, no ámbito urbano, pero sobre todo no rural". Con estas palabras resumía o integrante do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) Carlos Berride as novas demandas dos clientes na era postcovid. A súa compañeira, a tamén arquitecta María Pierres, engadía que se está a producir un repunte do interese na rehabilitación de vivendas do rural por parte da cidadanía.

"Hai persoas que viven nun núcleo urbano pero teñen casas en lugares como, por exemplo, Cerdedo, que descubriron que poden traballar desde a casa, e volven ao rural", explicaba o presidente da delagación pontevedresa do COAG, Anselmo Villanueva.

A crise da Covid-19 viu mudar numerosos aspectos do mundo tal e como se coñecía, tamén as vivendas. Deste xeito, nos fogares postpandemia será moi importante contar con espazos para o teletraballo. "Se antes todas as habitacións se reservaban para dormitorio, agora pódese contar cun espazo para o traballo", explicaba Berride na rolda de prensa convocada este xoves polo COAG na súa oficina da Boa Vila.

Malia que a crise ocasionada pola pandemia afectará tamén ao eido da arquitectura, tal e como avanzaban os convocantes da rolda, é certo que o confinamento provocou certa reflexión entre a poboación, que se achega máis aos estudos de arquitectura para pedir información sobre arreglos en segundas residencias no rural que foron herdadas.

Neste sentido, o COAG explicou a necesidade de que se reforcen os incentivos á rehabilitación de vivendas e que as administracións fagan "unha aposta máis firme" por esta opción. Unha das principais peticións é que se reforcen as axudas á rehabilitación, establecendo criterios máis amplos para poder optar a elas e facilitando prazos máis flexibles, "especiamente neste momento no que se demoran os trámites moito máis polas medidas de seguridade que hai que tomar nas administracións", explicou o presidente do organismo en Pontevedra.

O COAG chama a reforzar os incentivos á rehabilitación de vivendas

No mesmo sentido, Pierres sinalou que hai partidas destinadas a obras de rehabilitación que non se esgotan porque o prazo para presentar as solicitudes limítase a un mes e non todos os solicitantes cumpren cos requisitos. Deste xeito, para o COAG, ampliar prazos para a xestión destas axudas é sinónimo de democratizar o acceso ás mesmas.

De igual xeito, expuxeron a necesidade de apostar pola renovación de vivendas e edificios, pero tamén de espazos públicos e a vivenda pública.

Un dos problemas principais indicado polo colectivo é o da lentitude na concesión de licencias, "unha necesidade urxente especialmente para a posta en marcha de actividades empresariais e industriais" que precisan do acondicionamento de locais. "Esta axilización benefícianos a nós, pero sobre todo aos nosos clientes, aos cidadáns de a pé e a moitos promotores que teñen as obras paradas", explicou Villanueva, que non quixo centrar a queixa en ningunha administración en concreto.

Neste sentido, o Colexio viña traballando xa na posta en marcha dunha plataforma dixital na que custodiar os expedientes de obras con toda a documentación correspondente que agora se fai máis necesaria que nunca. As administracións teñen acceso á dita estrutura, que ten como finalidade poder avanzar na dixitalización dos trámites para a concesión de licencias. Deste xeito, as administracións poderían acceder a toda a documentación dunha determinada obra ao dispoñer dunha clave de acceso proporcionada polo propio COAG, sen ser precisa a entrega presencial de documentación e aforrando tempo e desprazamentos.

Aposta polos trámites online tras a crise 
O COAG aproveitou a rolda de prensa celebrada este xoves para resaltar a especial importancia que ten para a axilización dos trámites que os concellos se adhiran á plataforma dixital deseñada polo citado organismo. A través de convenios de colaboración, os concellos terán acceso a toda a documentación relacionada cunha obra dentro do seu termo municipal para poder outorgar as licenzas pertinentes evitando desprazamentos e visitas presenciais. 

Deste xeito, esta ferramenta permite tamén garantir que o responsable dos traballos é un arquitecto ou arquitecta titulado e colexiado, evitando posibles fraudes e dando maior garantía xurídica para a cidadanía. Do mesmo xeito, a transparencia e a trazabilidade de cada proxecto é maior ao dispoñer de toda a información do mesmo nunha única plataforma. 

Concellos como o de Vigo ou Lugo xa asinaron un convenio de colaboración co COAG para poñer en marcha a tramitación dixital. "Esperamos que o Concello de Pontevedra estea tamén interesado en asinar pronto".