O Coag pídelle á cativada que debuxe 'A supercasa'

A delegación de Pontevedra celebra o Día da Arquitectura cun concurso de debuxo infantil, unha exposición de obras galegas premiadas na Bienal Española e unha charla do portugués Gonzalo Byrne
Imaxe do campo de fútbol de A Gandareira, en Bandeira (Silleda), que formará parte da exposición do Coag. DP
photo_camera Imaxe do campo de fútbol de A Gandareira, en Bandeira (Silleda), que formará parte da exposición do Coag. DP

Cunha exposición no Mercado de Abastos, unha conferencia do portugués Gonzalo Byrne e un concurso de debuxo infantil, a delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebra este sábado o Día da Arquitectura (1 de outubro). A nivel galego, a data conmemorarase baixo o lema Deseño para a saúde, "reivindicando o papel da boa arquitectura como transformador de realidades sociais e nexo entre a contorna construída e o medio natural".

A programación do Coag-Pontevedra inclúe o que será o seu primeiro concurso de debuxo infantil. Convócase baixo o lema A supercasa e está dirixido a alumnado de Primaria. O presidente do xurado será o ilustrador de Bueu Luís Davila.

Obras galegas premiadas na XV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo é o título da exposición que se inaugurará o 3 de outubro (18.00 horas, entrada libre) no Mercado de Abastos. Permanecerá aberta ao público ata o 3 de novembro e estará formada por fotografías dos cinco traballos que foron recoñecidos nese certame: o Banco do Piñeiro no miradoiro da Pedra da Ra (Ribeira, A Coruña), a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Miraflores (Muros, A Coruña), a estrutura efémera Tribuna Pública (A Coruña), o Complexo Turístico de Albeida (Outes, A Coruña) e a intervención no campo de fútbol de A Gandareira (Silleda).

A maiores, o arquitecto portugués Gonzalo Byrne dará unha conferencia o 10 de novembro (19.30 horas, entrada libre) na Casa das Campás, e ao longo de novembro, haberá tamén unha nova edición do ciclo Triálogos de Arquitectura, no que tres estudos expoñen as bases do seu traballo.