Pontevedra gaña o De Tapas por Galicia da man do cociñeiro Rubén González

Rubén González recolle o premio ao mellor cociñeiro do De Tapas por Galicia 2018. DP

O chef de El Cafetín resultou vencedor co petisco de vieira afumada carballolaurel sobre arroz de alga

Representando a Pontevedra, o cociñeiro Rubén González Vallejo, de El Cafetín, gañou este martes a cuarta edición do certame De Tapas por Galicia, tras competir na gala show cooking organizada por Turismo de Galicia e celebrada en Santiago.

O xurado, formado por cinco profesionais relacionados co turismo e a gastronomía, considerou que o seu petisco, Vieira afumada carballolaurel sobre arroz de algas, foi o mellor das sete propostas elaboradas polos chefs finalistas, gañadores dos concursos locais de tapas das sete cidades galegas.

González Vallejo convértese, así, no mellor cociñeiro de Tapas por Galicia 2018. Ademais, fíxose tamén co Premio do Xurado Popular, ao ser o máis votado polo público asistente, integrado por expertos do sector, asociacións, xornalistas e blogueiros, e que valorou tanto a presentación como o sabor de cada unha das receitas. Os votos do público situaron en segundo lugar a tapa de Alejandro Martínez Lázare, de Lugo (Arrozaría Os Cachivaches) e, en terceiro posto, a de Rafael Pérez Iglesias, de Vigo (La Carpintería). 

A gala show cooking De Tapas por Galicia forma parte das accións de Turismo de Galicia para a difusión da creatividade dos cociñeiros galegos como elemento de promoción do turismo urbano. Conducida pola presentadora María Cheda, contou coa presencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que pechou o acto, da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, encargada de inaugurala, e da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

No evento, os cociñeiros participantes remataron a elaboración dos seus pratos en directo, explicando o seu proceso de creación.   

No marco do hotel AC Palacio del Carmen de Santiago, competiron nesta edición Alejandro Martínez Bacelo (Café Vanessa, Ferrol); Sergio Musso e Francisco Chicón (Ecléctic, A Coruña); Álvaro Pérez Blanco (ArteSana Gastrobar, Santiago de Compostela); Rubén González Vallejo (El Cafetín, Pontevedra); Rafael Pérez Iglesias (La Carpintería, Vigo); Bianca Coura, Gerson Iglesias e Pablo Domínguez Veloso (A Adega das Caldas, Ourense); e Alejandro Méndez Lázare (Os Cachivaches, Lugo).