Unha colección de Debut gaña o concurso de deseño do Bilbao BBK Live

Un dos deseños que integran a colección cápsula premiada. BIAAF - BILBAO BBK LIVEA proposta Point Break, que a alumna dos Estudos de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) Inti Núñez presentou na última edición de Debut, a pasarela na que os estudantes presentan o seu traballo de fin de mestrado, é o punto de partida dunha colección que vén de gañar o concurso de deseño impulsado polo festival Bilbao BBK Live e pola plataforma Bilbao International Art & Fashion (BIAAF). A colección recoñecida partiu do proxecto de fin de estudos desta titulada e foi desenvolvida pola propia Núñez e pola tamén ex-alumna de Esdemga Erica Oubiña, segundo recolle o diario dixital da Universidade de Vigo (www.uvigo.gal), Duvi.

A colección cápsula gañadora está integrada por un poncho, unha cazadora, unha bandoleira e unha camiseta, que o Bilbao BBK Live comercializa xa a través da súa web (www.bilbaobbklive.com/es).

XURADO. O proceso de selección, segundo informou o Bilbao BBK Live e recolle o Duvi, correu a cargo dun "xurado formado por destacados profesionais da industria da moda e da música", integrado, entre outros, pola redactora de Vogue Italia Serena Castrignano, a artista e deseñadora Miriam Ocáriz e o grupo musical Mueveloreina. "A decisión non foi fácil, xa que entre as propostas atopábanse novos deseñadores das mellores escolas de Xapón, Israel, Estados Unidos, Reino Unido, Barcelona ou Bilbao", salientan desde BIAAF.

A participación por primeira vez como xurado en Debut 2018 das responsables de BIAAF Charo Álvarez e Rocío Sánchez constituíu o xerme da presentación ao concurso desta colección cápsula, que Nuñez e Oubiña desenvolveron baixo o nome de IK.Studio e que ten no mundo do surf a súa principal inspiración. O resultado final, segundo destacou o Bilbao BBK Live, foi un proxecto que "asume a tendencia actual de adaptar as prendas deportivas a unha liña máis urbana, creando unha colección sportwear con altas doses de innovación".

Comentarios