Sete colexios impartirán obradoiros de formación en método científico dentro do Pontenciencia

Os talleres darán comezo o 2 de febreiro. O obxectivo é fomentar a cultura científica na comunidade educativa
Tino Fernández con participantes da anterior edición de Pontenciencia. DP
photo_camera Tino Fernández con participantes da anterior edición de Pontenciencia. DP

A Concellería de Educación porá en marcha o vindeiro mércores 2 de febreiro nos CEIP de Marcón e San Martiño (Salcedo) os obradoiros de formación en método científico cos que se inaugurará o programa de actividades deseñado no marco da IX Feira da Miniciencia de Pontevedra: Pontenciencia 2022, cuxa celebración está prevista para o venres 27 e o sábado 28 de maio na Escola de Enxeñería Forestal.

Un ano máis, o proxecto impulsado polo departamento que dirixe o socialista Tino Fernández en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e o Ministerio de Ciencia, dentro da convocatoria de axudas para a promoción da cultura científica, tecnolóxica e da innovación, pretende "ensinar a pensar e fomentar mentes curiosas, exploradoras e comunicativas a través da investigación". 

Segundo avanza o tenente de alcalde e edil de Educación, "nesta primeira fase desenvolveranse dous tipos de talleres: os destinados a escolares de 5º e 6º curso de Educación Primaria que participan no programa cos seus centros educativos, que se realizarán dentro da aula en horario lectivo; e os orientados ás familias que queiran tomar parte en Pontenciencia cos seus fillos/as de Primaria (7-12 anos), convocados a través das Anpa en horario de tarde". "Organizarase unha sesión de Formación en Método Científico por clase participante de 5º ou 6º curso -explica Tino Fernández- e cada unha delas terá unha duración de 50 minutos. Nelas poderán aprender unha metodoloxía de investigación aplicable a calquera ámbito social, económico ou ambiental".

A finalidade destes obradoiros é explicarlles a pais e alumnos como realizar unha investigación, o protocolo a seguir de maneira lóxica e organizada e como conseguir que os resultados sexan reproducibles e confiables. Ao mesmo tempo, pretenden facilitar a participación na feira e a comprensión e valoración persoal de outros proxectos.

Ata o momento xa reservaron data para a impartición destes talleres sete colexios do municipio: ademais dos CEIP de Marcón e San Martiño (mércores 2 de febreiro), os de Santo André de Xeve (venres 4 de febreiro), A Xunqueira II (martes 8 de febreiro), Ponte Sampaio (luns 14 de febreiro) e Plurilingüe San Benito de Lérez (mércores 16 de febreiro) e mailo CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús (xoves 10 de febreiro).

Tal e como subliña Tino Fernández, "Pontenciencia continúa a ser, a pesar da pandemia, un dos programas estrela da Concellería de Educación, ao contribuír a fomentar a cultura científica e a xerar bases para un futuro liderado científico e tecnolóxico nos e nas participantes directos (alumnado, profesorado, familiares, etc.) e, dun modo xeral, no público asistente ou virtual".

Comentarios