Sete colexios e institutos de Pontevedra terán espazos de innovación educativa

Os polos creativos chegarán tamén á Lama, Cerdedo-Cotobade, Bueu, Marín, Vilaboa, Valga e Ponte Caldelas
Alumnado do CEIP Froebel durante o tempo de lecer a principios do pasado curso. DAVID FREIRE
photo_camera Alumnado do CEIP Froebel durante o tempo de lecer a principios do pasado curso. DAVID FREIRE

Os IES A Xunqueira I e II, Sánchez Cantón e Montecelo e os CEIP Froebel, San Martiño e Parada-Campañó contarán o vindeiro curso cun polo creativo, isto é un lugar de "innovación educativa nos que se traballan as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades", segundo explicou a Delegación Territorial da Xunta nun comunicado.

En total na comarca de Pontevedra serán 14 centros. Os demais están noutros municipios. Son o CEIP A Lama, o CEIP Plurilingüe da Torre–Cela de Bueu, os CEIP Plurilingüe de Carballedo e Plurilingüe de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, o CEIP da Laxe e o CEP de Sequelo, ambos de Marín, o CRA de Vilaboa Consuelo González Martínez e o CEIP Plurilingüe A Reigosa, en Ponte Caldelas.

Así mesmo, tamén se dotará cun destes espazos ao IES de Valga, na comarca de Caldas.

A Xunta de Galicia aprobou no Consello deste pasado xoves a implantación destes quince polos creativos que se estrearán o vindeiro curso escolar. O delegado territorial, Luis López, explicou que a Consellería levou ao Consello un informe de dúas actuacións, que se desenvolven ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para os centros educativos e que responden ao "obxectivo común de avanzar cara un modelo de infraestruturas educativas máis innovadoras, sostibles e confortables".

Ademais desta, está tamén a execución de pistas multideporte. Neste caso, trátase dunha acción da Xunta en colaboración cos concellos, aos que financia ata o 85% destes espazos multifuncionais para o uso compartido entre a comunidade educativa e a cidadanía en xeral. A achega da Administración autonómica será de 380.000 euros.

REFERENTE NAS STEM. No caso dos polos creativos, o obxectivo principal é "consolidar a Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM" no sistema educativo público. A primeira fase de implantación chegará este setembro a  138 centros educativos galegos cun investimento que supera os catro millóns de euros.

Terán un deseño modular e innovador acorde co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotados de equipamento especializado e organizados didacticamente para o fomento da creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo. Isto é, centros de actividades nos que se abordarán aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual ou a robótica, entre outros, explica o comunicado.

Estes centros recibirán robots, equipamento audiovisual, tablets, taboleiros interactivos e impresoras 3D, entre outro material.

Comentarios