miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

O comercio local prepara o 'Conto de Nadal de Pontevedra' na Praza do Teucro

Á iniciativa, impulsada por Promoción Económica, xa se adheriron 55 negocios da Boa Vila ►A 'narración' terá lugar entre o 17 de decembro e o 6 de xaneiro

Cartel Conto de Nadal en Pontevedra - InteriorO comercio local protagonizará o seu propio Conto de Nadal de Pontevedra, unha historia creada para darlles visibilidade e incentivar as compras neles nestas.

A iniciativa, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa firma Sra. Nona Brand, terá lugar entre o 17 de decembro e o 6 de xaneiro "nun espazo de fantasía cunha ambientación única no que se narrará o Conto de Nadal de Pontevedra, unha historia protagonizada polos comercios da cidade", segundo explica o departamento liderado pola socialista Yoya Blanco.

Polo momento xa son 55 os negocios da Boa Vila adscritos adheridos á proposta e Promoción Económica "convida" a todos os comercios que queiran "saír no conto a inscribirse, plantexando un relato de fábula no que aparecerán os nomes dos distintos establecementos participantes cun produto ou servizo que desexen destacar".

"Aínda lle faltaba un agasallo para a súa irmá e precisaba que fora algo especial, así que se achegou a Lanas Tobío e alí atopou xusto o que estaba a buscar: un xersei feito a man cunha cor fermosa que lle daría calorciño nas frías tardes de inverno". Con esta narrativa exemplificou Yoya Blanco o espírito desta iniciativa de dinamización que, ademais de visibilizar e poñer en valor aos comercios de proximidade mediante un conto único, tamén lles fará entrega "dunha chequeira con participacións para distribuír entre os clientes que efectúen as súas compras de Nadal nos negocios adheridos durante o período de campaña. Os clientes só deberán enchelas cos seus datos persoais e introducilas nun buzón que estará habilitado para este fin na Praza do Teucro".

Entre todos os participantes sortearanse dez cheques regalo por valor de 25 euros cada un para trocar por produtos e servizos en calquera dos establecementos comerciais adheridos. O sorteo terá lugar na Casa da Luz o día 7 de xaneiro e os gañadores serán notificados por vía telefónica.

A concelleira socialista lembra que "todos aqueles que desexen formar parte deste Conto de Nadal e aínda non se inscribiran, están a tempo de facelo remitindo á Concellería de Promoción Económica e Turismo o nome do seu comercio e dun produto a destacar a través dunha das seguintes canles de contacto: o email [email protected] ou o teléfono 638 168 744".

A firma Sra. Nona Brand levará a cabo a creación e deseño do conto entre os días 1 e 10 de decembro, estando previsto o inicio dos traballos de ambientación e montaxe na Praza do Teucro para a semana do 13 de decembro, de xeito que se poida inaugurar o 17 de decembro, coincidindo co inicio da campaña.

EXPOSICIÓNS E SESIÓNS DE CONTACONTOS
Aínda que a historia estará exposta durante toda a campaña, aquelas persoas que se acheguen ata a Praza do Teucro para visitar a mostra do Conto de Nadal de Pontevedra terán as opcións de lela ou escoitala, ao dispoñerse dunha guía audiolibro cun código QR que, ao escanearse, reproducirá a historia en audio.

Ademais, haberá seis días nos que se celebrarán sesións de contacontos a cargo da empresa Onde viven os contos para que os máis pequenos poidan vivilo e desfrutalo como se dun espectáculo se tratase. As sesións terán lugar nas seguintes datas:

- Sábado 18 de decembro: 17:30 horas.
- Domingo 19 de decembro: 17:30 horas.
- Xoves 23 de decembro: 17:30 horas.
- Domingo 26 de decembro: 17:30 horas.
- Venres 31 de decembro: 12:30 horas.
- Martes 4 de decembro: 17:30 horas.

O comercio local prepara o 'Conto de Nadal de Pontevedra' na Praza...
Comentarios