
A Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde de Pontevedra acaba de poñer en marcha a campaña Enmascárate, consistente no reparto de 1.100 dípticos explicativos e 6.000 máscaras de protección contra o covid-19 entre os centros educativos de Pontevedra.
Segundo constata o tenente de alcalde, Tino Fernández, "tódalas máscaras que se distribuirán son de talla mediana e están pensadas para o emprego de rapaces de Infantil e Primaria", mentres que os dípticos "explican de xeito moi sinxelo como se debe e como non se debe usar este elemento de protección".
"Cousas básicas, ás que debemos seguir prestando atención, como lavar ben as mans con auga e xabón antes de poñer a máscara, non deixar o nariz por fóra, non tocala coas mans, non usar unha máscara que estea rota, húmida ou que quede solta ou frouxa e non deixar o queixo exposto", sinalou Fernández.
A primeira entrega de material terá lugar este xoves con motivo dunha visita ao CEIP Álvarez Limeses, que recibirá un lote de 260 máscaras e 100 dípticos.
Ata a data, solicitaron as máscaras de protección reutilizables do programa Enmascárate os colexios Álvarez Limeses, Cabanas (Salcedo), Marcos da Portela, Carballeira (Lourizán), Fina Casalderrey, Verducido, Froebel, Daría González, Lérez, Ponte Sampaio, Marcón e Campolongo.