Comeza a entrega de menús infantís do programa 'Cubertos de Nadal'

A iniciativa, impulsada polo Concello de Pontevedra e Abanca, cubrirá as necesidades alimentarias de nenos de 123 familias vulnerables
Reparto de menús. DP
photo_camera Reparto de menús. DP

O Concello de Pontevedra e Abanca iniciaron este martes o reparto de menús solidarios previsto na iniciativa Cubertos de Nadal. O proxecto cubrirá as necesidades de alimentación de menores de idade de 123 familias en situación de vulnerabilidade ou risco de pobreza desde este martes ata o catro de xaneiro. 

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, participou no primeiro reparto de menús, que se levou a cabo na mañá desde martes no Café Moderno Afundación. O edil socialista explicou que o reparto se realizará en catro quendas, facendo chegar a comida ás casas a través de Protección Civil a aquelas familias que non poidan achegarse ao Café Moderno. 

"De cara a garantir o anonimato das persoas beneficiarias do programa, asignouse un número personalizado a cada familia, de xeito que o Concello unicamente deu a coñecer ese número á firma xestora dos menús, non transmitindo ningún dato de carácter persoal", indicou Rey.

O concelleiro explicou que Afundación "puxo os kits e menús infantís a disposición dos beneficiarios gratuítamente".

A coordinadora de Comunicación de Afundación, Gloria Rodríguez, comentou que a campaña está pensada "para atender a nenos e nenas de familias vulnerables que durante o Nadal non desfrutan de comedor escolar". 

"Ao tratarse do Nadal, pensamos que é algo que se pode facer tamén de xeito especial para as familias, así que asignamos entre as 123 familias beneficiarias 500 menús especiais para os días de Noiteboa e de Nadal", indicou Rodríguez. 

Os repartos dos menús continuarán os días 28 e 30 de decembro e 4 de xaneiro.

Comentarios