Comeza o Festixeve, a romería laica galega

As festas na parroquia de Santo André de Xeve arrancan este xoves 20 e contarán cunha gran variedade musical e de xogos tradicionais
Xogos nunha edición anterior de Festixeve. EMILIO MOLDES
photo_camera Xogos nunha edición anterior de Festixeve. EMILIO MOLDES

Continúa o verán cultural en Pontevedra. Despois do XXIV Memorial Ricardo Portela este xoves 20 dará comezo a 26ª edición do Festixeve, que terá lugar no campo de Vilar de Fragoso e se prolongará ata o domingo 23.

O evento diferénciase do resto de festivais galegos en que é "o que ten máis aire de romería", tal e como explicou este luns o conselleiro de festas, Demetrio Gómez na presentación que levou a cabo xunto co presidente do Recreativo de Xeve, Florencio Chantrelo sobre a nova programación do festival. Na súa intervención Gómez resaltou o carácter plural do evento. "Buscamos contentar a todos os públicos", apuntou, e por iso ofertarase unha gran variedade de música e actividades.

Os Cantos de Taberna comezarán o xoves ás 20.00 horas. Trátase dunha iniciativa impulsada polo Concello para recuperar unha celebración típica en Galicia, consistente nun improvisado concerto de cancións populares. A agrupación encargada de organizalos está aínda por definir, pero o máis probable é que sexa traballo da Asociación Cultural Maravallada.

O venres será o momento para os xogos. O xa habitual rastrexo substituirase por unha proba de aventuras e orientación nocturna (Orienta Xeve), que terá lugar as 21:00 horas. A xornada culminará cunha sesión de picadiscos protagonizada por un artista local.

O sábado a diversión comeza pronto con inchables para os máis pequenos, de 18:00 a 20:00. Haberá que esperar ata as 22:30 para bailar ao ritmo do folk e do rock da banda Xangai, que pretende achegarnos aos sons característicos do bravú. Logo será a quenda da orquesta Quinquillada.

O sábado e o domingo haberá carpa con polbeira. Ademáis, o último día o Festivexe contará a partir das 16.00 horas cun inchable acuático e xogos populares organizados por Risotadas.

A pesar de ser un evento laico, o domingo haberá procesión. Concretamente, unha "procesión de empanadas", segundo indicou con humor o conselleiro de festas. Trátase dunha degustación de roscas e empanadas que terá lugar pola tarde.

O Grupo Charanga OT encargarase de despedir o evento cunha batucada.

Dende a organización das festas queren agradecer un ano máis a colaboración do goberno local e invitan a todos a gozar dunha festividade comprometida coas tradicións.

Comentarios