Comeza o operativo de roza e limpeza nas zonas periurbanas e do rural

Os traballos comezan este luns en Lourizán e estenderanse durante o verán polo resto de parroquias
Limpieza en las calles. ADP
photo_camera Limpieza en las calles. ADP

O Concello de Pontevedra inicia hoxe o zafarrancho de rozas e limpeza das zonas periurbanas e do rural que se realizan anualmente coa chegada do verán. Nesta ocasión comezarán pola parroquia de Lourizán. O obxectivo é manter os núcleos de centralidade parroquial, vías e camiños municipais, torreiros das festas e zonas verdes en bo estado, para que os veciños e veciñas os poidan empregar con seguridade e confianza nos vindeiros meses.

A Concellaría de xestión de residuos e limpeza urbana que dirixe Raimundo González planificou estas actuacións garantindo os mellores resultados e buscando o máximo rendemento dos recursos logo das chuvias do inverno e da primavera que fixeron crecer considerablemente a maleza e a herba das beiravías das estradas e camiños municipais, así como as dos espazos de centralidade ou a dos torreiros das festas. Os traballos consistirán, polo tanto, na roza desa herba e desa maleza, na retirada de entullos, limpeza de beiravías e de canalizacións de pluviais que poidan estar tapadas por terra durante o inverno...

Estas rozas e limpezas faranse tanto nas parroquias do rural, onde se desenvolverán os traballos de maior envergadura, como en todo o ámbito periurbano que quedarán fóra da actuación das parroquias. Ademais, tamén se inclúen os torreiros das festas para telos en bo estado agora que se retomarán as festas patronais das distintas parroquias e lugares de Pontevedra.

Ao respecto das rozas nas parroquias do rural, está previsto que comecen este mesmo luns en Lourizán e que logo se trasladen a Ponte Sampaio. Logo de rematar co sur do concello, continuarán polas parroquias do norte como Campañó, Alba, Lérez, Cerponzóns, Verducido, Santa María e Santo André de Xeve, Bora, Mourente, Marcón, Tomeza, Salcedo e Canicouva.

Neste zafarrancho participarán catro operarios e dous tractores. Dúas persoas encargaranse de facer rozas a man nos lugares nos que non se poida empregar maquinaria de gran tamaño, de soprar e recoller os restos das cortas dos lugares. A intención do Concello é que estes traballos estean rematados ao longo do verán.

Comentarios