sábado. 19.10.2019 |
El tiempo
sábado. 19.10.2019
El tiempo

Comeza o pintado das rúas de Pontevedra, que quedará rematado en setembro

Os traballos faranse por fases e tendo en conta o calendario de festivos ► Está previsto que a actuación no centro estea rematada antes das festas da Peregrina

PONTEVEDRA. O Concello de Pontevedra inicia esta semana o pintado da sinalización horizontal de toda a cidade. Así, pon en marcha o recente contrato adxudicado á empresa API Mobilidad SL por 981.917 euros para recuperar os sinais que en moitos casos están borrados polo uso. O obxectivo é conseguir que toda a cidade estea repintada no mes de setembro, aínda que se comezará por lugares preferentes como os arredores dos centros de ensino, ás entradas á cidade ou os principais eixos de circulación, como todo beiramar. Por vez primeira aplicarase un tratamento especial ás rotondas, puntos de maior desgaste polo cruce de vehículos.

Os traballos faranse por fases en distintos lugares da cidade, tendo en conta o calendario festivo.Está previsto que o eixo principal de circulación se pinte antes das Festas da Peregrina. De continuar o bo tempo, comezarase esta semana polas Corvaceiras, avenida do Uruguai, avenida de Bos Aires (ata Monte Porreiro), Xosé Malvar e Doce de Novembro.

Tamén entran dentro da primeira fase de pintados (antes da Peregrina) a Ponte da Barca, o Paseo Colón, Raíña Vitoria, Augusto García Sánchez e Eduardo Pondal.

Outro dos eixos prioritarios será a avenida da Coruña ata a rotonda de Médico Balliña coa avenida de Compostela. O barrio de Monte Porreiro terá igual tratamento que o centro urbano e tamén estará incluído dentro dos primeiros traballos a realizar, agás aquelas rúas que estean afectadas polas obras de soterramento da liña de alta tensión, que se deixarán para cando rematen.

A contorna dos centros de ensino está incluída como traballo preferente, polo que se actuará en todos os da área urbana durante o verán para que estean listos no mes de setembro, cando comece o curso escolar.

Unha vez que conclúan os principais eixos de circulación e as entradas á cidade máis utilizadas, continuarase coas seguintes rúas, mantendo o obxectivo de que todas as vías con sinalización horizontal estean pintadas no mes de setembro.

Por vez primeira, darase un tratamento novedoso ás rotondas, xa que o cruzamento dos coches fai que os sinais se desgasten con máis rapidez. Por tal motivo, aplicarase unha pintura especial con dobre compoñente na zona na que xiran os vehículos.

O Concello indicou que, aínda que se trata dunha aplicación máis custosa desde o punto de vista económico, perdurará máis. Para aplicar este dobre compoñente será necesario dar unha segunda man de pintura nas glorietas afectadas.

Comeza o pintado das rúas de Pontevedra, que quedará rematado en...
Comentarios