Comeza o Plan de Barrios, que dotará de novos lombos a Eduardo Pondal

A programación de obras tamén contempla ampliar a traza peonil en Doce de Novembro a través da pasarela sobre o tren
Demetrio
photo_camera Demetrio Gómez durante o encontro mantido cos veciños de Fernando Olmedo. DP

A Concellaría de Obras, que xestiona o edil Demetrio Gómez, impulsará estes días o Plan de barrios que está programado para este mandato. A primeira actuación terá lugar no barrio que integran Eduardo Pondal e O Gorgullón, dende a pasarela de Doce de novembro ata Ponte Boleira. Neste ámbito está previsto executar distintas obras, entre as que destacan a colocación de lombos en Eduardo Pondal e ampliar a traza peonil en Doce de novembro a través da pasarela sobre o tren.

Segundo informaron este domingo fontes municipais, os primeiros traballos comezaron a semana pasada na parte baixa da rúa da Moa, valorada en 27.000 euros e consistente na creación dunha plataforma única na rúa, retirando as dúas prazas de estacionamento existentes, sacando un valado publicitario se prohibindo o acceso rodado á zona, onde se sitúa unha ludoteca infantil que emprega o espazo público como lugar de recreo dos cativos. Agora o que queda pendente é a demolición das beirarrúas que entroncan coa rúa Muíño (peonalizada) co oxectivo de habiltar "un espazo peonil seguro e amplo para dar servizo ao elevado tránsito de peóns que ten Eduardo Pondal".

Unha vez que rematen estas obras, que se executarán durante as vindeiras tres semanas, o Concello instalará os lombos na rúa Eduardo Pondal, "unha demanda veciñal moi solicitada".

Por outra banda, no marco de atención aos barrios, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, reuniuse esta semana con veciños de Fernando Olmedo para decidir a colocación de bancos e cadeiras na praza creada entre as rúas Casimiro Gómez e A Seca.

A petición dos veciños, supervisada pola arquitecta técnica municipal, contempla a instalación de tres bancos e a recolocación de dúas cadeiras, ademais do traslado dalgún dos tarros retirados en Benito Corbal para a zona.

Comentarios