Comeza o proceso de contratación da reforma integral de Loureiro Crespo e O Castañal

O investimento ronda os 2,9 millóns de euros e o prazo de adxudicación é de 11 meses
Anabel Gulías. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Anabel Gulías. OLGA FERNÁNDEZ

A Xunta de Goberno Local de Pontevedra aprobou este luns o expediente de contratación da reforma da rúa Loureiro Crespo e do Castañal por un valor de 2.557.256 euros e un prazo de adxudicación de 11 meses.

O proxecto inclúe a execución de seis melloras valoradas en 341.380 euros, polo que o investimento xeral roldará os 2,9 millóns de euros.

As melloras consisten na pavimentación das rúas Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e praza das Regas.

A concelleira responsable de Contratación, Anabel Gulías explicou que o proxecto de reforma urbana Loureiro Crespo é "un dos máis importantes –en contía económica–licitados polo Concello e un investimento necesario para un dos barrios máis poboados de Pontevedra", polo que se optou por unha intervención "ambiciosa" para levar os estándares de calidade urbana ás entradas da cidade.

O proxecto de reforma divide a rúa Loureiro Crespo en tres zonas:

  • Desde a rotonda da praza da Zanfona ata Casimiro Gómez, onde se propón un alongamento das beirarrúas e un estreitamento do carril. O estacionamento colocarase á dereita e os alcorques serán de granito para plantar prunos, dando continuidade á avenida de Lugo, xa reformada. Renovarase a iluminación, o mobiliario e todos os servizos. Á altura da rotonda de Doce de novembro instalarase unha columna de iluminación e plantaranse dous liquidámbar de grande porte para iniciar a transición cara un novo espazo, que será o segundo ámbito do proxecto.
  • ​De Casimiro Gómez a Antón Fraguas. Neste ámbito farase un carril de asfalto diferenciado que se dirixe cara Antón Fraguas. A beirarrúa da esquerda será de baldosa e bordo de granito. E a beirarrúa da dereita, lousa 'vulcano', a mesma que a da praza do Hospital. Instalarase á esquerda o estacionamento de taxis, e á dereita o de servizos. Tamén se inclúe a renovación de toda a iluminación, do mobiliario e dos servizos, e a vexetación continúa cos prunos que se plantarán en toda a rúa. Nos extremos deste ámbitos, Casimiro Gómez e Antón Fraguas crearanse dous grandes matos de arborado en pezas de formigón (con 3 e 2 bétulas, respectivamente) para marcar a transición á terceira parte do proxecto.
  • De Antón Fraguas á praza do Hospital. Consistirá no alongamento da praza do Hospital, coa instalación de dúas bandas laterais de lousa “vulcano” e unha parte central de formigón negro en plataforma única, xa que é necesario respectar a entrada ao Hospital provincial. Plantarase arborado ao igual que no resto da praza do hospital (Quercus) e tamén se instalará máis mobiliario urbano.

No que respecta ao barrio do Castañal, o proxecto inclúe como mellora a pavimentación destas rúas, xa que a renovación dos servizos soterrados asúmese no proxecto principal. As reformas previstas nestas rúas serán de dous tipos: Ernesto Caballero e Ramón Cabanillas manterán un carril de circulación e beirarrúas. Levarán plantación de árbores e mobiliario urbano. 

As rúas Forcarei, Amor Ruibal e Mestre Soutullo, polas súas dimensión, serán de plataforma única cun tratamento similar ao xa iniciado na avenida de Lugo.

A praza das Regas está previsto que faga de distribuidor de tráficos da zona, polo que será necesario facer certos retoques nas esquinas.

Comentarios