Os traballos na cabeceira norte da Ponte do Burgo arrincan a vindeira semana

As primeiras actuacións levaranse a cabo na área actualmente acotada e non afectarán ao tráfico na rúa Domingo Fontán
Obras na Ponte do Burgo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Obras na Ponte do Burgo. GONZALO GARCÍA

A vindeira semana está previsto que se inicien os primeiros traballos na cabeceira norte da Ponte do Burgo. Nesta primeira fase, segundo informou este sábado o Concello de Pontevedra, acometeranse labores de demolición do actual pavimento e de colocación da canalización.

Estes traballos levaranse a cabo na área que permanece actualmente valada polo que non implica restricións de tráfico e non modificará a circulación na rúa Domingo Fontán

Trátase do comezo das obras do entronque da Ponte do Burgo co paseo Domingo Fontán e rúa Xoán Manuel Pintos, que corresponde coa cabeceira norte. Segundo o proxecto da posta en valor da Ponte do Burgo, este espazo será obxecto dunha transformación absoluta, que dará como resultado a eliminación da rotonda de tráfico rodado e a creación dunha gran praza de máis de 4.000 metros cadrados con arborado e mobiliario urbano.

Tamén no inicio da vindeira semana se procederá a pór a lousa de pedra na plataforma da propia Ponte do Burgo, o que implicará a colocación de 1.550 metros de lousa de 10 centímetros de grosor. Esta actuación acométese toda vez que se rematou a pavimentación contínua na superficie do taboleiro, así como os traballos de impermeabilización e a retirada da antiga varanda.

Unha vez se remate a colocación da lousa de pedra, o seguinte paso será á instalación da  nova varanda e da iluminación, que inclúe tanto iluminación na superficie (encaixada no pavimento que se está a instalar), como a iluminación en altura que tamén incluirá elementos integrados na nova varanda. Instalaranse, ademais, elementos para dar luz á base dos arcos mediante proxectores individuais que realcen a traza dos arcos da ponte, a súa estrutura e forma.

O proxecto de posta en valor da Ponte do Burgo está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (Edusi) Máis Modelo Urbano Pontevedra.

Comentarios