Comezan os traballos para crear un parque na antiga pasarela de 12 de Novembro

Iván Puentes agarda que esta actuación "se converta na antesala do ansiado proxecto que permitirá abrir esta parcela duns 5.500 metros cadrados ao uso público"
Traballos de eliminación de vexetación. DP
photo_camera Traballos de eliminación de vexetación. DP

Unha brigada de catro operarios iniciou esta semana, coa axuda dun tractor con desbrozadora de martelo, os traballos para limpar, acondicionar e eliminar herbas da Pampa e outras plantas invasoras da vella pasarela da rúa 12 de Novembro, entre a rúa da Estrada e a rúa das Hortas.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, agarda que esta actuación, executada cun orzamento que ascende a 2.000 euros, "se converta na antesala do ansiado proxecto que permitirá abrir esta parcela duns 5.500 metros cadrados ao uso público e dotar a zona Leste da cidade dun gran parque con áreas de lecer e descanso", dando continuidade así á zona recreativa existente na rúa José Adrio Barreiro.

O edil lembra que, en paralelo aos traballos de limpeza e desbroce de invasoras, o Concello está a deseñar unha proposta "que incluirá o tratamento paisaxístico das medianeiras dos edificios de Santa Teresa de Jesús Jornet, mediante unha barreira vexetal, e a conexión desta praza coa zona dos Xulgados e con 12 de Novembro a través da rúa das Hortas".

Oproxecto plantexa a mellora do tránsito peonil e a accesibilidade en 12 de Novembro, "que carece nestes momentos de beirarrúas, o que obriga a cruzar e empregar o outro lado da estrada ata pasar a glorieta das rúas Teixoeira e das Hortas, practicamente á altura de Camiño de Ferro, para ir á estación de trens ou aos Xulgados (habería que cruzar novamente ao chegar a este punto)", explica o concelleiro socialista.

Comentarios