"Comezaremos a traballar para que os terreos de Tafisa sirvan como unha ampliación do Campus"

Tras un curso especialmente complicado, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa fala dalgúns dos retos como reitor, que pasan pola remodelación e ampliación dos espazos do Campus de Pontevedra, a implantación de novos títulos na cidade ou a captación de novo alumnado
Manuel Reigosa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Manuel Reigosa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

MANUEL REIGOSA adianta algunha das novidades para o Campus de Pontevedra nos vindeiros cursos e anuncia unha nova organización dos espazos cos que conta a UVigo na cidade.

Unha das novidades pendentes no Campus de Pontevedra é a implantación do Grao de Creación e Deseño. Como van os trámites para a súa posta en marcha?

Hai pouco tivemos unha xuntanza co equipo da Consellería e co propio conselleiro. Estou esperando novas que é posible que recibamos este mes, como moito en setembro. Para nós é un grao moi importante, capital para o campus, porque está engarzado cos obxectivos do Campus Crea. É unha titulación con moito éxito onde xa está implantada e os seus egresados teñen unha alta empregabilidade. Esperamos que, unha vez se solucionen os atrancos, teñamos unha posta en marcha o máis rápida posible. Agora estamos en compás de espera, pero son optimista.

Poderá poñerse en marcha no curso 22/23?

É difícil que nese curso se poida poñer en marcha porque os prazos seguen correndo, pero por parte da universidade estaremos preparados para, se se resolven os aspectos técnicos, implantala no curso 22/23. Inicialmente a titulación ubicaríase no edificio de Benito Corbal, pero xa estamos pensando a longo prazo cal sería a mellor ubicación para o centro.

O próximo curso comeza a funcionar a facultade de Xestión Pública. Que importancia ten contar cunha facultade propia?

En primeiro lugar, é unha cuestión de visibilidade. É difícil que unha persoa que busque un título de Dirección e Xestión Pública vaia a buscalo nunha facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Ademais, é un centro que vai traballar moito con alumnado semipresencial ou virtual. Agora mesmo temos a primeira titulación de grao do ámbito universitario galego que ten unha parte do alumnado con docencia totalmente virtual. É unha facultade que se está adiantando ao futuro, cando o alumnado non poida ser totalmente presencial. Este tipo de titulacións terá maior acollida entre os profesionais, así como entre o alumnado estranxeiro. Nós miramos cara Iberoamérica, tanto os países de fala hispana como a lusofonía. Estando moi satisfeitos co traballo que ata o de agora se fixo na facultade actual, cremos que se pode dar unha volta e utilizar esta nova facultade como unha punta de lanza para a docencia do mundo futuro.

Tamén se estreará o edificio de Benito Corbal, con espazo para a investigación.

Si, o potentísimo equipo de Mario Pansera, que está de xeito provisorio no Campus, trasladarase a este novo edificio cando estea preparado. Ten unha ubicación excelente, no centro da cidade, que vai permitir que a captación de talento que queremos facer no Campus agrome. Queremos atraer algún investigador máis de fóra. Este é un grupo potentísimo, tanto por Mario Pansera como polos proxectos que está a desenvolver. Agardamos darlle impulso á internacionalización do campus grazas aos investigadores que se van contratar dentro dos proxectos deste grupo. É moi potente e prometedor, novo... pode darnos moitas ledicias en canto aos resultados das súas investigacións.

Como está o proxecto de construción dun Edificio das Artes no lugar no que se ubicaba Tafisa?

Estamos dándolle unha volta á utilización de Tafisa. Precisamente onte falaba deste tema co alcalde de Pontevedra, pedireille unha cita en breve para comunicarlle as nosas intencións en canto á utilización dese terreo. Hai bastantes cousas que se teñen que ter en conta, porque estamos tratando de traer novas titulacións ao Campus de Pontevedra, o que quere dicir que probablemente haxa que tomar unha decisión que contemple o futuro, que non pensemos só no día de hoxe, senón tamén no de mañá. Temos algunhas cousas avanzadas, que aínda non son públicas porque as decisións non están 100% tomadas. Comezaremos a traballar na idea de que os terreos de Tafisa nos sirvan como ampliación do Campus moi en breve. A disposición do Concello é excelente, algo moi bo para que o Campus poida ser máis potente.

Nese replantexamento, cabe a posibilidade de que o coñecido como Edificio das Artes non se dedique a este ámbito?

Non, en principio imos facer unha auténtica remodelación dos espazos dos que dispoñemos, tanto na cidade como no Campus. teremos que ter en conta todo iso e, en función diso, buscaremos a mellor ubicación para as titulacións presentes e futuras.

Non se dedicará ás artes?

Tampouco está desbotado. Tomaremos a decisión contando con moitos factores. O proxecto do Edificio das Artes é de 2008 e é unha cuestión que non está enriba da mesa. Naquel momento, conseguir o financiamento para novos edificios era moito máis doado. Non sabemos como vai quedar o novo plan de financiamento, estamos negociando coa Xunta e, aínda que esperamos que nos permita facer algunhas cousas que agora mesmo son imposibles, temos que medir moi ben.

A que títulos pode optar o Campus de Pontevedra dentro do reparto entre as universidades galegas?

Hai unha primeira etapa na que se está a traballar cos mestrados que figuran no informe Galicia 2030, no que hai unha serie de títulos que se consideran importantes para o desenvolvemento futuro de Galicia. Non sabemos aínda a cales poderemos optar, pero chegamos a un acordo unánime entre as tres universidades e a Consellería sobre os criterios. Por exemplo, vaise respectar a especialización dos campus e o de Pontevedra está fundamentalmente dedicado á creatividade, polo tanto entendemos que todas as titulacións que teñan un compoñente deste tipo deben ubicarse nel. Outro elemento importante co que se está a xogar é o feito de que os títulos sexan interuniversitarios, o que quere dicir que, no caso dos mestrados nos que máis dunha universidade teña interese, vaise promover que haxa un traballo conxunto. Aínda é cedo para avanzar que mestrados novos poden ter o seu acubillo no Campus de Pontevedra. Logo haberá unha segunda etapa na cal xa se traballe incluso con novos graos e algún mestrado que non está na listaxe elaborada pola Xunta de Galicia, nese caso tamén pode haber iniciativas por parte dos centros do Campus de Pontevedra para solicitar algunha nova titulación. En todo caso, finalmente será a reitoría a que, nunha mesa de negociación na cal estean as tres universidades e a Consellería, faga as propostas.

Un dos maiores intereses dun reitor é atraer alumnado. En que aspectos traballa para aumentar a matriculación?

Temos algún problema co estudantado internacional porque se lle poñen bastantes atrancos, incluso agora vai haber outra dificultade adicional, que é que se lle vai pedir unha proba ao alumnado de fóra do espazo europeo que queira vir aquí. Nós, como avanzaba antes, estamos mirando moito cara a Iberoamérica e isto pode ser un impedimento. A captación de alumnado pode ser das cousas que lle faga pasar máis noites sen durmir a un reitor. De feito, nós creamos unha vicerreitoría que se chama de Captación do Alumnado. Ademais, fixemos unha listaxe de máis de 40 medidas para atraer alumnado. Máis da metade xa están desenvolvidas se ben é certo que algunhas delas, que eran actividades presenciais, tiveron que ser reinventadas ou feitas de xeito virtual. No próximo ano espero que sigamos tendo o mesmo éxito. No caso do Campus de Pontevedra, non estou preocupado porque a evolución da matrícula, agás nun par de titulacións, é excelente, incluso con tendencia a mellorar, e contamos con que nos vindeiros dez ou doce anos o número de persoas en idade de entrar na universidade vaia repuntar lixeiramente. Pero é obriga nosa estar pensando na Galicia de dentro de doce anos, na cal as curvas actuais de natalidade fagan que teñamos menos estudantes. Estamos mirando xa cara ao futuro e buscando que estas medidas nos poidan axudar sacando a vantaxe de que, sendo unha universidade pequena, estamos entre as 600 mellores do mundo. Estase falando xa da captación de alumnado en etapas previas, na Secundaria. No mesmo sentido, a Xunta ten unha liña de axudas para que os fillos e netos de emigrantes galegos no estranxeiro fagan o seu mestrado en universidades galegas. Esta cifra é moi importante porque o 70% dos que veñen a estudar quedan en Galicia para desenvolver o seu traballo e facer a súa vida. Dentro dese reto demográfico que temos por diante, as universidades tamén temos que ter un papel de atraer estudantado xove para que poida desenvolver a súa carreira no noso país.

"A día de hoxe a universidade pública é mellor que a privada"

Como lle pode afectar a creación dunha universidade privada en Galicia á Universidade de Vigo?

É un actor máis que vai buscar alumnado e, polo tanto, hai máis opcións nas cales o alumnado galego podería fixarse. Eu, co máximo respecto a calquera iniciativa privada, teño que dicir que a día de hoxe a universidade pública é moito mellor que a privada no seu conxunto, non falo desta en concreto, que non sabemos como vai ser porque non abriu as súas portas. Cos criterios que xa funcionan de xeito legal, unicamente hai 18 universidades en España que cumpren os requisitos marcados na lei para seren consideradas universidades, unha delas é a de Vigo. O Ministerio está anunciando unha modificación da lei, que vai ser un pouco máis esixente, e, feitas as contas cos novos criterios, unicamente 12 universidades do Estado español cumprirían eses requisitos. De novo, a UVigo estaría entre elas. Hai que dicir tamén que esas 18 e 12 universidades das que falo son todas públicas. Polo tanto, penso que, ademais de que o custo das universidades públicas é menor que o das privadas, hai que dicir que a calidade de todos os niveis -educativo, de investigación, de transferencia ou divulgación- é moi boa. E estes son datos comparativos. Creo que podemos competir con calquera en todos os niveis, incluso na investigación máis punteira. Daquela, entendo que nós seguiremos a nosa liña de captación do alumnado e haberá un actor máis dentro do sistema universitario galego. A competencia ás veces tamén é boa porque evita que quedemos durmidos. Para as universidades públicas galegas é un reto que teremos que asumir.

"Coas Ferramentas virtuais, máis que un gasto, fixemos un investimento de cara ao futuro"

Este foi un curso no que, máis ala das cuestión académicas, estivo moi presente a pandemia. Que balance fai?

Moi bo. Botando a vista atrás, cando plantexabamos como iamos encarar o curso, viñamos dun ano terrible no que tiveramos una resposta da comunidade comunitaria que estivo á altura durante o confinamento. Desta vez puidemos programar con máis tempo e coñecemento. Penso que as medidas que se tomaron, dende a reitoría e os centros, foron axeitadas e permitíronnos que a maior parte das titulacións se puideran facer de xeito presencial. Ao mesmo tempo, podemos dicir que se produciron cero gromos no contexto da universidade. Non houbo nin un contaxio. Fixemos un seguimento exhaustivo de casos, tanto do alumnado como profesorado e persoal de administración e servizos. As medidas foron efectivas e o resultado foi moi bo. Por outra parte, dende o punto de vista académico, é un curso no que os alumnos aprenderon todo o que tiñan que aprender e adquiriron as destrezas previstas. Polo tanto, estamos moi satisfeitos porque o resultado foi moi bo.

Xa anunciou que o curso que ven recuperarase a normalidade e a presencialidade. Pero que aprendizaxe vai quedar desta pandemia para o futuro?

Para o vindeiro curso xa está feita a programación e traballaremos cunha medida de distanciamento máis pequena, que é a que nos recomendan dende o Consellería, de 1,2 metros, que vai permitir dar cabida a máis alumnado nas aulas. Se xa tiñamos un nivel de presencialidade alto, este vindeiro curso agardo que a normalidade sexa maior. É certo que neste tempo desenvolvemos una serie de ferramentas, ademais moi rapidamente, e podemos estar orgullosos delas. Como o noso xemelgo virtual, que nos permite que todas as aulas, seminarios e mesmo os despachos dos profesores teñan una copia virtual na nube para que, á mesma hora que tocaba estar en clase fisicamente, se poida asistir virtualmente e incercambiar opinións, facer preguntas ou mesmo presentacións… Este ano complementaremos esta aula virtual con outra física, de xeito que parte do alumnado poida estar na clase e outra fóra. Tamén implantamos una plataforma de teledocencia que nos está dando moitas satisfaccións. Estas dúas ferramentas, complementadas con todo o que aprendeu o noso profesorado, debe sernos útil. Coas novas tecnoloxías, máis que un gasto, fixemos un investimento para o futuro. Pode ser vir para titulacións que queiran ter una parte semipresencial ou totalmente virtual, como no Grao en Dirección e Xestión Pública de Pontevedra. Isto permitiranos captar alumnado extranxeiro ou facer fronte a dificultades de aprendizaxe, de xeito que a parte virtual poida funcionar como complemento. Igual que agora mesmo un alumno ten que quedar na casa en cuarentena e pode seguir as clases virtualmente, poderemos aproveitar esta ferramenta para alumnos con problemas de saúde que non lles permitan acudir presencialmente á facultade, independentemente da covid.

Comentarios