'Comicamente' despide a súa xira en Pontevedra e en Lalín

O espectáculo levou alegría e diversión a numerosos puntos de Galicia dende que se iniciara na Cidade da Cultura de Santiago o pasado 22 de xullo 
undefined
photo_camera Touriñán, onte, na explanada do Recinto Feiral. BEATRIZ CÍSCAR

Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán, David Amor e Lucía Veiga protagonizaron este venres, na explanada do Recinto Feiral de Pontevedra, o espectáculo 'Comicamente', unha proposta patrocinada polo Xacobeo que leva xirando todo o verán por Galicia.

Os humoristas, que contaron coa música en directo da DJ Toccororo, ofreceron unha dobre función do show, cun primeiro pase ás 19.00 horas e outro (para o que as entradas levaban días esgotadas) ás 22.00 horas.

Tras pasar por Pontevedra, 'Comicamente' chega este domingo a Lalín. Alí, no canto de David Amor, actuará Celso Sanmartín e, no canto da DJ Toccororo, a DJ Russinha (entradas: comicamente.gal).

Segundo os organizadores do espectáculo (Ainé Producións, Condetrespés e Etiqueta Negra), ao seu remate, máis de 10.000 persoas terán asistido a algunha das funcións da xira.

'Comicamente' comezou a súa andaina cun primeiro show de monólogos que tivo lugar o 22 de xullo na Cidade da Cultura de Santiago. A el asistiron, entre outros, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o director da Agadic, Jacobo Sutil. A xira desenvolveuse por toda Galicia en distintos recintos ao aire libre.

Comentarios