Como repensar o mundo poñendo como exemplo a Pontevedra

O alcalde, Fernández Lores, falou da transformación urbana da Boa Vila nunha xornada internacional sobre cidades sostibles organizada pola entidade francesa La Meute d'amour
2020051013465683158
photo_camera Lores durante a intervención online na mesa redonda. DP

"Queriamos recuperar a cidade para as persoas. Reducir drasticamente o uso do tráfico a motor e aumentar o espazo destinado a usos comúns con preferencia peonil". Así respondeu o alcalde de Pontevedra as preguntas do experto en mobilidade e profesor da Sorbona Carlos Moreno, durante a mesa redonda Ralentir, est-ce possible? / Reducir velocidade, é posible?, organizada no marco da xornada Notre terre, on l'aime! Le festival qui pense demain, promovida pola entidade francesa La Meute d'amour. "Esa foi a decisión política máis importante".

"Todo permite, por unha banda, conseguir accesibilidade universal para todas as personas, especialmente para as máis débiles, e, por outra, permite eliminar drasticamente a contaminación ambiental e o ruído da cidade, dinamizar o espazo público e o comercio local de proximidade, algo fundamental que dunha forma ou outra deberían facer todas as cidades", engadiu Fernández Lores.

Científicos, artistas, intelectuais, activistas ou representantes políticos participaron este sábado neste evento, que se desenvolveu de xeito e que convidaba a "repensar o mundo tras a crise sanitaria da Covid-19". Ademais de responder as preguntas do asesor da Alcaldía de París Carlos Moreno, Fernández Lores compartiu tempo e conversa con relatores como a especialista en estratexia urbana Alice Cabaret, con experiencia na reconversión industrial creativa e na innovación urbana. É tamén fundadora e directora da entidade The Street Society. Tamén interviu no acto o arquitecto Philippe Madec, considerado pioneiro no desenvolvemento sostible en urbanismo e arquitectura e ten realizado numerosas investigacións sobre pedagoxía e teoría arquitectónica.

A participación do alcalde de Pontevedra nesta xornada obedece á proxección que o modelo urbano pontevedrés está tendo a nivel internacional nos últimos anos e que se ve reforzada, a raíz da crise sanitaria da Covid-19, coa busca de referentes en mobilidade sostible e pensada para as persoas que funcionen e estean xa contrastados, como é o caso de Pontevedra. Hai que lembrar, ademais, que no marco desta proxección internacional, o alcalde pontevedrés ten participado no Cumio do Clima de 2015, convidado pola alcaldesa de París, Anne Hidalgo, e polo presidente da Fundación Bloomberg; e no Forum Smart City Paris de 2018, ocasión na que tamén impartiu unha máster class na Universidade da Sorbona sobre o modelo de mobilidade local.

DESPOIS DA COVID-19. A xornada Notre terre, on l'aime! Le festival qui pense demain incluíu, ao longo de todo o día de onte unha serie de mesas redondas e intervencións virtuais de ata 50 personalidades.

Con esta iniciativa, La Meute d'amour pretendía convidar á cidadanía a repensar o mundo "antes" de que se levanten as medidas de restrición impostas por mor da pandemia da Covid-19 para crear un contexto máis respectuoso coas persoas e o medio ambiente e que, ademais, sexa máis xusto e unido.

Segundo indicaron desde a entidade, elixiron a data deste sábado por ser o Día Internacional das Aves Migratorias buscando un símil entre "a migración e a busca das aves que se fan eco das epopeias e as traxedias das persoas".

Comentarios