A compañía Chévere celebra os seus 35 anos de traxectoria teatral na Culturgal

Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore pecharon con música a programación deste sábado da Feira das Industrias Culturais ▶ A xornada contou con obradoiros sobre videoxogos, pintura, tipografía, presentacións, películas e contacontos para a cativada
A presentación do libro 'Chévere' no espazo libro. DP
photo_camera A presentación do libro 'Chévere' no espazo libro. DP

Dende que Culturgal abriu as súas portas, a sucesión de eventos non tivo parada e este sábado non foi para menos. Aínda que cunha afluencia menor a das edicións prepandemia (a subida do prezo das entradas e o feito de que sexa fin de mes con Black Friday incluído poden ser as causas), o público volveu responder ás propostas da Feira das Industrias Culturais.

Un dos eventos máis destacados da programación deste sábado foi a presentación do libro Chévere 1987-2022, trinta e cinco anos de axitación cultural. Isto non pode ser obra de galegos!, editado por Kalandraka. Trátase dunha obra que recolle a historia da agrupación teatral dende os seus comezos, na Compostela de 1987, ata os últimos acontecementos logo da pandemia, pasando pola etapa da Sala Nasa, o Nunca Máis ou o Premio Nacional de Teatro concedido polo Ministerio de Cultura no ano 2014.

O libro ten como bandeira a creación colectiva, a transgresión de xéneros e a conexión crítica coa realidade. "Isto non só quere ser unha lección de xestión cultural ou un traballo de memoria. Lígase tamén coa parte artística e a autoficción", sinalou o presentador do evento, Roberto Pascual, director da Mostra de Teatro de Ribadavia (MIT). Con el estaban Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Xesús Ron.

Unha das actividades que se ofrecían no Pazo da Cultura este sábado. DP
Unha das actividades que se ofrecían no Pazo da Cultura este sábado. DP

Narrado en primeira persoa nun formato dialogado e profusamente ilustrado, esta obra achega o proceso de creación das producións máis significativas de Chévere, algunhas editadas xa por Kalandraka na Biblioteca de Teatro.

Tras a presentación inicial, Miguel de Lira procedeu a contar a historia do título: "Nós non estamos na loita armada, pero si escénica", dixo mentres explicaba que a frase icónica Isto non pode ser obra de galegos!, que fai referencia ao atentado terrorista que sufrira o expresidente Fraga na súa casa de Perbes e que fora dita pola prensa local naquel momento, tamén lla dixeran á compañía cando representaban o seu traballo fóra de Galicia.

Ademais das mensaxes de crítica, parodia e musicalidade que caracteriza á compañía, Xesús Ron vincula a agrupación coa "cultura popular". A ese rasgo chamáronlle Chévere Pop. "Nós quixemos levar o teatro á cultura popular, pero sen desprexuizala", subliñou.

Talentos

A xornada do sábado brillou tamén pola arte improvisada. Dende os stands ou en forma de mural, todos tiñan un pequeño oco para amosar creatividade. Por outra parte, doce actividades dirixidas a empresas e profesionais desenvolvéronse ao longo da xornada do sábado para aprender e debater cuestións que preocupan ás industrias culturais.

Os contos de Paula Carballeira, outra das actividades que se ofrecían no Pazo da Cultura este sábado. DP
Os contos de Paula Carballeira, outra das actividades que se ofrecían no Pazo da Cultura este sábado. DP

O público infantil e familiar foi protagonista nos diferentes obradoiros que a feira propuxo arredor dos videoxogos, da pintura, da tipografía e da papiroflexia. A ciencia tampouco quedou atrás e Ciencia á Feira co CSIC Galicia trouxo, como cada ano, a Campaña de recolla de dentes do Rato Pérez liderada polo Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana. A cativada tamén puido gozar da película de animación Valentina e dos contos de Paula Carballeira.

O Broche final da xornada veu da man da música: Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore pecharon a gran noite do Culturgal amosando os novos talentos galegos do panorama musical.

Xogos de mesa en galego. RAFA FARIÑA
Xogos de mesa en galego. RAFA FARIÑA
INFANCIA ► Xogos de mesa en galego
Brazolinda, o proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego, foi o protagonista do espazo infantil das 16.00 horas. Esta iniciativa está amparada polo Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22.

 

Reizentolo no Recinto Feiral. RAFA FARIÑA
Reizentolo no Recinto Feiral. RAFA FARIÑA
DESEÑO ► Reizentolo no Recinto Feiral
Un dos stands presentes en Culturgal foi o de Reizentolo, que cumpre 20 anos de actividade no 2023. Empezaron no mundo da arte e do deseño "inspirados no aquel da forma de facer cousas que temos en Galicia", afirman.

 

Tres stands dedicados a Miudiño. RAFA FARIÑA
Tres stands dedicados a Miudiño. RAFA FARIÑA
CULTURA ► Tres stands dedicados a Miudiño
Miudiño S. Coop. Galega baséase na infancia, na natureza e no patrimonio e mostra nesta feira algunhas das actividades que realizan: música, contos, obradoiros, xoguetes, patios e espazos de xogo.

Comentarios