Complétase a reforma do Gorgullón coa licitación das obras nas rúas perimetrais

O Concello acondicionará a praza de Ponte Boleira a travesía de Eduardo Pondal e as rúas Curtidoira, Moa e Sarmiento de Gamboa
undefined
photo_camera Imaxe da rúa Gorgullón tras a súa remodelación en 2019. DAVID FREIRE

As obras nas rúas perimetrais da contorna do Gorgullón completará a intervención integral no barrio, que se financia no 80% con fondos europeos e comezou coa rehabilitación da rúa principal. Tal e como anunciou a portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías, a Xunta de Goberno deu este luns luz verde ao inicio do proceso de contratación para acondicionar as mencionadas rúas. O contrato para realizar esta actuación ten un importe de 298.361,46 euros e un prazo de execución de catro meses.

En concreto, o acondicionamento realizarase na travesía de Eduardo Pondal, nas rúas Moa, Curtidoira e Pedro Sarmiento de Gamboa, e na praza de Ponte Boleira, e a actuación permitirá, en palabras de Anabel Gulías, "seguir coa filosofía de priorizar a mobilidade peonil nesta zona e en especial no acceso á residencia de maiores". Con carácter xeral, o acondicionamento vai dirixido á ampliación de espazos destinados á mobilidade peonil, á supresión de barreiras arquitectónicas e á mellora da seguridade viaria.

Anabel Gulías explicou que esta actuación dotará os espazos nos que se interveña de plataforma única, aliviando calquera problema que poidan ter estas rúas en cuestións relacionadas coa accesibilidade e que os arredores da residencia da terceira idade que se ubica neste barrio terá un tratamento específico.

A reforma da contorna do Camiño do Gorgullón está incluído dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible Feder 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou acceso ás partidas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Comentarios