A compostaxe comunitaria de Pontevedra avanza cara ao barrio do Campolongo. Así o anunciou na mañá deste mércores o concelleiro de Residuos, Raimundo González Carballo, quen afirmou que con esta incorporación o número de centros de compostaxe na cidade situarase en 23.
En concreto, no barrio de Campolongo, a compostaxe comunitaria estará instalada na rúa Espincelo –próxima á Axencia Tributaria–, na rúa Alcalde Hevia –entre o Gafos e a rúa do Forno–, Iglesias Vilarelle –case enfronte do Crespo Rivas– e Xeneral Rubín –na entrada do Gafos–.
Raimundo González explicou que "se corre o risco de ter que suplementar proximamente estes novos centros, pero, en principio, imos arrancar cos catro". Segundo a estatística municipal, estes catro composteiros darán servizo a uns 6.000 veciños.
Este mércores comezaron as obras na rúa Espincelo para instalar as bases coa toma de auga e a celosía do chan. Cando estean rematados os outros tres puntos de Campolongo, instalaranse os centros de compostaxe que terán cada un dez módulos.
Antes da posta en marcha, o Concello distribuirá carteis e información por todas as caixas de correos dos edificios escollidos para participar.
Raimundo González informou que a implantación da compostaxe comunitaria en Campolongo xa está previamente pactada coa asociación de veciños do barrio, que tamén coñece o lugar onde se instalarán os centros.
23 CENTROS DE COMPOSTAXE. Na actualidade o Concello ten instalados distintos centros de compostaxe a servizo dos veciños e veciñas nos barrios de Monte Porreiro, Eduardo Pondal-Gorgullón, A Parda e en Valdecorvos-Castañal. En total, 15 centros aos que hai que sumar os catro novos que se instalarán na Parda e Valdecorvos –Maruxa Mallo, Pintor Laxeiro, Antón Losada Diéguez, Mestre Soutullo–, e tamén os catro de Campolongo.
Dos existentes, tres deles son de seis módulos, e o resto teñen todos dez. Tratan arredor de 750 toneladas ao ano e cos oito que entrarán en funcionamento achegarase ao tratamento de 1.150 toneladas ao ano. É dicir, arredor do 8% da produción de biorresiduos do concello de Pontevedra.
Ademais, o departamento de Residuos xa traballa na implantación da compostaxe comunitaria noutros barrios.